20141116

Unha ollada non só ó Vilar

15 de novembro de 2014. Tarde de choiva. Oito e media. No cine teatro represéntase a segunda sesión do certame de teatro Daniel Cortezón. Cousa de media centea de persoas atenden ó desenvolvemento dunha versión de O barco sen Mariñeiro, de Alejandro Casona. A min gústame.
A mesma tarde, máis ou menos no mesmo momento, a tan só un quilómetro de distancia, unha cantidade de xente semellante, quizais algo maior, está de compras nun novo local, de nome que polo momento soa raro: Compras center. Como rara soa tamén a música, xerada na outra punta de Eurasia, que se vai metendo na cabeza sen prestar atención. A cultura china que xa está aquí, sen promoción das institucións, meténdose pouco a pouco a traverso deses gustos e xeitos que no comezo producen un sorriso e no final máis ou menos unha incorporación. O Windows en chino non deixa de ser aínda curioso, pero co formato ó que moita xente está afeita, que os signos a interpretar que alí aparecen sexan diferentes, antóllaseme unha ponte, algo intermedio entre dúas culturas. Algo intermedio que é manexado por 'eles', non por nós, o que de paso, lles da unha certa avantaxe.
O Compras Center está no Vilar, no que se da en chamar 'área comercial de Ribadeo', obviando a zona centro, á que non sería necesario aplicarlle ese nome porque xa o ten de sempre, pero ó tempo, a que o está a perder ante a irrupción desa nova zona.
O Vilar non queda no centro de Ribadeo, de aí os largos aparcamentos que onte estaban cheos. Pero 'non ven de aí' a falta de comunicación pedestre ou a dificultade ciclista co centro da vila, a traverso dunha travesía cedida polo ministerio ó concello hai uns anos, incluíndo un paquete de acondicionamento que deixou a zona sen acceso peonil dende o centro. Agora nótase máis a falta de previsión: o 'Compras Center' queda á outra beira da glorieta, que o separa de Eroski, Bricoking, Lidl, Merkal ou a única cafetería do lugar. Posiblemente haxa que esperar algún accidente para que as cousas cambien, aínda creada a glorieta para o acceso a un segundo aparcamento despois da cesión do Ministerio. E Para evitar unha grande diferenza de acceso, abriuse a posibilidade dotra saída ó aparcamento grande, o do Eroski. Si, pero os peóns (e tamén as bicis) seguen cunhas condicións de acceso 'non homologables', ou, seguindo a terminoloxía que se ven impoñendo, non 'humanizadas'.
Non é a primeira volta que falo desto, tanto pola seguridade como pola conexión de negocios co centro da vila, pero o caso é que co aumento de locais e de uso, o problema agrávase, sen paso pola vía nin aínda paso de peóns a traverso da antiga estrada, nin, cousa que me fai graza, paso facilitado entre os dous aparcamentos principais.
Ah, e mentres, o comercio e hostalería do centro do pobo, coido que pode darse cun canto nos dentes de que non exista máis que unha cafetería, e ningunha oferta de ocio máis. Pero, con ou sen paso de peóns, estas cousas tenden a cambiar...
--
Artigo publicado asemade no 'el Metropolitano' nº 5 de decembro de 2014, p. 25. 

Ningún comentario: