Parafraseo no título o título dunha nova de onte mesmo sobre que Alcoa foi avisda de que non terá trato de favor no prezo da enerxía elećtria, o xa ten producido, á súa vez, un comezo para un despido colectivo.
Por partes: a ponte dos Santos está sen iluminar dende hai xa abondos meses por un 'traspaso' de gastos do ministerio ós concellos. Coido que en ningún momento se prantexou unha necogiciaón sobre a 'rebaixa' eléctrica.
Nas casas, todos nós estamos a ver como pagamos máis e máis, e refórmannos as tarifas, e pagamos aínda máis. E reestruturan a factura, e non só pagamos máis, senón que atacan á natureza e a sostibilidade porque invalidan calquer aforro ó minimizar a parte da enerxía e maximizar o 'dereito' a que nos chegue ás casas.
E, cada ano, dende hai varios, as grandes empresas consumidoras teñen unha subasta anual que as relaciona de ti a ti coas compoñentes do oligopolio eléctrico. Iso se fai, a grandes rasgos, nun trato subvencionado por todos nós a traverso do goberno, sen preguntarnos. Da subvención rematan beneficiándose en parte as grandes empresas, se consideramos o prezo do seu consumo enerxético en relación co prezo do noso, pero sobre todo, as eléctricas, que subvencionamos mesmo para que evadan capital ó estranxeiro (caso de Endesa e a súa matriz italiana). Quen non resulta beneficiado somos nós, nin aínda para asegurar o subministro, como se manifesta cada pouco coas perdas correspondentes (de negocios, recoñecidas en pequena parte, e de particulares, non recoñecidas). Ó mellor hai quen di que nós resultamos beneficiados tamén, aplicando aquelo dos beneficios en cascada: cando rebosa a bolsa de quen ten moito, acaba caendo algo para quen ten menos, ou, neste caso, nunha versión subordinada do dito 'o que beneficia á General Motors beneficia a América', 'o que beneficia a Alcoa, beneficia ós mariñáns'.
Ben, mentras tanto, na comarca temos ese caso, o de Alcoa, que despunta a nivel estatal polo consumo necesario para as transformacións necesarias no proceso industrial de produción do aluminio. Tentarei non estenderme moito: as instalacións de S. Cibrao son relativamente competitivas pola súa tecnoloxía en relación a Avilés e A Coruña, que xa buscan restrinxir persoal, nun movemento inmediato de presión para conseguir prezos máis baratos (da enerxía, si, pero tamén de gastos de persoal, ou non?) O persoal de S. Cibrao polo momento está a salvo: a empresa (cousa que se di con 'letra pequena' perdida no artigo) si conseguiu para S. Cibrao paquetes enerxéticos subvencionados (baixo o titular que achaca ó inmovilismo do ministro deixar no aire 800 empregos na Coru e Avilés).
A noticia que estou a comentar ten ramificacións: por unha beira avisa que Alcoa xa pechou nalgún outro lugar porque non conseguiu o que quería, e marchou; por outra, que Alcoa non é a única (pero claro, as outras non son tan grandes e polo tanto, con tanta potencia de protesta); por outra aínda, pide estabilidade no sistema de prezos para non ter que andar con lerias ano tras ano, pero iso si, unha estabilidade subvencionada sen atrancos.
Os que vivimos por aquí temos a solución tamén de pechar e marchar ó estranxeiro, e tamén sabemos que non somos os únicos que temos esa posibilidade, tamén pedimos estabilidade nos baixos prezos, pero non temos moi claro quen vai pagar a nosa subvención eléctrica...
Ningún comentario:
Publicar un comentario