Esta semana que vai rematar foi a que se deu a coñecer o informe da Consellería sobre o paro en Galicia. Como resultado, os xornais fixéronse eco da nota da consellería e dixeron algunha cousa sobre o paro na zona, en xeral centrados no cambio de mes en cada concello, pois iso é o que se pode sacar de xeito directo dun dos últimos documentos a disposición en http://traballo.xunta.es/listaxe-estatisticas.
Onte, na procura doutra información, pasei polas web da Xunta e lembreime do tema, co que fun a completar algo máis unha listaxe de paro en Ribadeo que vou facendo. O resultado, as gráficas que aparecen embaixo e algunha reflexión/comentario.
O primeiro comentario é que seguindo a gráfica de emprego vese claramente a influenza periódica do verán, co traballo eventual, e o paso do paro dende cousa de 400 persoas antes da crise a 800 o inverno pasado. Dende aquela, pola influenza do verán, parecía baixar co mellor verán en paro rexistrado da serie, ata que chegou o o outono, magnífico en temperie pero peor que nunca en variación do paro, que se encamiña aparentemente a ter outro máximo semellante ó anterior arredor de marzo do 2015. A non ser que ocorra algo imprevisto, pouca será a variación, aínda que algo si parece que diminuirá. De calquera xeito, deixa patente a precariedade na temporalidade do traballo, e o aumento desa precariedade no 2014.
Unha segunda cousa non se deixa ver nas gráficas, feitas a traverso duns números xa recompilados por min. Pero se alguén se pon a recabar os datos da Consellería, verá que nos tres últimos meses teñen tres formatos diferentes, o que certamente non facilita o seu tratamento, senón que máis ben parece pensado para dificultalo. Aínda así, a evolución da facilidade de acceso para un tratamento informático dende o 2006 (ano no que comezan os datos colgados na web) é notable. Parece que se está a facer notar a influenza de organizacións como OKFN (que ten ramas para diversas administracións como no caso dos concellos).
Algo máis vai implícito na comparación das gráficas con outras que se prodigaron estes días a nivel galego ou estatal: con todo o aumento sufrido en Ribadeo, foi relativamente menor que a nivel galego ou estatal.
Faltaría nas gráficas algo moi importante, a porcentaxe de paro sobre a poboación activa, pero todo require o seu tempo e tal vez máis adiante... De calquera xeito, ou moito me engano ou é sensiblemente máis baixa que a nivel estatal, ó menos se nos referimos á tempada de verán.
Hai outras comparacións que non se soen facer e poden ser interesantes para unha visión menos académica pero máis ampla da situación social, como por exemplo a porcentaxe de paro en relación á poboación total. A nivel España pasa por enriba do 10%, mentras que a nivel Ribadeo o máis alto que representan as gráficas ven sendo do 8,6%, non chegando ó 8% na actualidade. É unha porcentaxe que pode ser enganosa, pois a textura da poboación varía dun lugar a outro, e por exemplo, a porcentaxe de maiores de 65 anos en Ribadeo é alta (aínda que non tanto como en Trabada, por comparar cun concello limítrofe) aínda que a de menores de 18 non sexa tan alta e compense en parte a efectos de traballo a influenza da anterior.
A primeira gráfica vai resinando a variación do paro en Ribadeo dende setembro de 2006, o primeiro mes do que atopei datos segregados, por trimestres ata decembro do ano pasado, e de xeito mensual dende entón. A gráfica pódese ampliar premendo dobre sobre ela, para distinguir mellor onde chegan as liñas de cada mes.
Como a gráfica anterior pode deixar algunha lagoa, a continuación vai a da variación do paro, tendo en conta o mesmo que xa dixen sobre a perioricidade dos datos, polo que hai que fixarse que para comparar o 2014 cos anteriores, hai que agrupar de tres en tres os meses. Neste caso, as separacións verticais son cuadrimestrais e o primeiro dato que aparece é decembro de 2006 (variación en relación a setembro do mesmo ano). A segunda liña que debera aparecer, marzo de 2007, non aparece sinxelamente porque non houbo variación segundo a estatística (ver gráfica superior).
Ningún comentario:
Publicar un comentario