Unha vez máis, corto e pego dende o blog de José María Rodríguez Díaz un artigo. Desta vai sobre actuación da igrexa (que non de relixión), e pódese acceder dende a ligazón do título embaixo.
Hoxe mesmo aparece no xornal unha continuación deste culebrón socioeclesial próximo a Ribadeo. Coido que para quen non esteña ó tanto é necesaria unha pequena introdución, aínda que sexa algo deslavazada, e algún comentario.
A cousa remóntase ó ambiente enrarecido que deixou na zona rural a desaparición de diverso patrimonio do que dispoñían algunhas iglesias, a man dun cura peculiar que, vido de Valencia dunha familia pudiente, manexaba coche potente e facía ostentación da súa orixe e relacións no tempo que estivo por estas terras, afincado en Ribadeo, na casa veciña do Convento de Santa clara. A cousa segue no xulgado na actualidade. Nestas, outro cura da zona, que tamén pasou por Ribadeo, enfróntase en Conforto, A Pontenova, a un caso con movemento de figuras relixiosas polo medio. Inmediatamente a desconfianza dos veciños provoca un enfrontamento, e a xestión do enfrontamento, o conflito. Conflito que salta dunha parroquia a toda a Pontenova e a administración de tódalas parroquias que leva este cura, nun momento no que a escaseza de oferta de curas fai necesario que prodiguen a súa presencia en varias -abondas- parroquias para atender o culto relixioso (baixo o meu entender, máis que ós fieis). En ámbolos dous casos a actuación dos superiores eclesiásticos entendo que é cuestionable, e a iso se dirixe o artigo de José Mª.
De calquera xeito, e ó meu entender, máis aló do propio conflito limitado a este par de casos, está tanto a mentalidade da igrexa en relación á xente como da xente en relación á igrexa. Séxase ou non relixioso, entendo que se hoxe Xesús levantara a cabeza sería para xusto despois levantar as mans e levalas tamén elas á cabeza. Unha institución que soubo pervivir dous mil anos é lóxico pensar que non pode ser unha institución pura, senón que tería que adaptarse ó longo do tempo a diversas influencias. Si, pero, ata onde pode adaptarse unha institución así sen perder a esencia que a trouxo á vida? E de aí á visibilidade actual de conflitos puramente humanos que non se diferencian moito de calquera outra institución de pretende seguir vivindo nun mundo que non é para o que está programada, mesmo despois de acumular erros por reformas no programa inicial.
Ben, o artigo de José Mª:
UN "BO HOME" PARA O CONFLITO DE CONFORTOO recurso a figura do home bo, un mediador na procura de acordos en procesos conciliatorios, foi unha práctica habitual nos tempos dos nosos antergos. Un bo recurso para acadar hoxe, quizabes, a conciliación entre os fregueses de Conforto e mesmo doutras parroquias do concello de A Pontenova por unha parte e o bispado de Mondoñedo por outra co gallo dos conflitos xurdidos entre eles como é, entre outros, o rexeitamento do Crego responsable de esas comunidades cristiáns. Un longo conflito, fondamente enquistado, no que as posturas mantidas por cada unha das partes non se move das súas esixencias. E non so non se albiscan solucións axeitadas a curto prazo senón que semellan ir para largo. Ámbalas dúas partes se manteñen en “sostella e non enmendalla”, intensificando por unha das partes as manifestacións contra a presencia do Crego nesas parroquias, e mantendo por parte do bispado e de certos cregos a súa intransixente e afastada postura.
¿Quen ten a razón neste preito? Moitas das esixencias que manteñen os manifestantes non parecen hoxe axeitadas. As limitacións humanas e as novas esixencias pastorais ás que se ve abocada a Igrexa nos tempos de hoxe, por circunstancias ben coñecidas por todos, discorre por outros camiños ben afastados das costumes do século pasado. Tradicións que hoxe non teñen cabida na pastoral dunha Igrexa condicionada polas limitacións que impón a falta de cregos. Costumes nas que os fregueses desas parroquias parecen aínda ancorados por falta da debida información relixiosa. Pero en descarga da postura dos fregueses desas parroquias, convén preguntarse quen son os responsables das súas extemporáneas demandas de esixir a volta do servizo relixioso ós vellos hábitos de antes. Alguén terá que responder desas pretensións anacrónicas. ¿Non serán, mais ben, os propios cregos, polas razóns que fosen, os que ata o de agora mantiveron a xente ancorada nas vellas costumes e non se preocuparon de adoutrinar ós seus fieis nas novas esixencias e liñas pastorais que se impoñen nos tempos de hoxe?
Pero, ¿é realmente necesaria a presencia dun “home bo” para solucionar este conflito tan enquistado? ¿Non teñen como tarefa fundamental o bispo e os cregos de exercer esa tarefa, como bos pastores do seu rabaño, poñendo tódolos medios necesarios para acadar dunha vez a paz neste preito sobre todo no mes do Nadal? E, sen pretender influír nin condicionar as decisións de ninguén, cabe preguntarse por que non pode acudir o mesmo bispo a parroquia de Conforto para xuntarse alí cos fregueses desta e das parroquias veciñas nun encontro aberto e sincero para dialogar e acercar posicións, pedir perdón, tratar de entender as razóns alleas e expoñer as propias para acadar unha solución axeitada, tratando así de oler a ovella que lles demanda o papa Francisco? En fin, explicarlles os novos camiños da pastoral actual, ben distinta da que se fixo ata o de agora e que hoxe non é sostible manter do mesmo xeito que a xente demanda? ¿Non é, acaso, misión da Igrexa levala paz e o perdón á xente, como nos recorda a liturxia coa frase “podeis ir en paz” coa que se despide ós fregueses na misa?
Ningún comentario:
Publicar un comentario