Os atentados de París de días pasados, en particular o sufrido no entorno de Charlie Hebdo, levan dado moito que falar. E por aquí, fálase de xeito xenérico ou en relación a Francia. Pero aquí temos tamén unha mestura de poboación que pouco a pouco se vai facendo evidente. Como calquera outra situación nunha sociedade, a complexidade das relacións fai tamén complexo o obter esa visión xeral aplicada as nosas vilas. Non por iso se pode obviar, facela desaparecer.
Son testemuña de que entre a xente nova a integración social dos pícaros de diferentes orixes é semellante, estando moito máis marcada por cuestións que afectan de xeito individual (estrutura familiar, nivel económico, xeito en que golpea a crise a unha determinada familia...) que por temas como a relixión ou o país de orixe dos pais. Pero tamén teño sido testemuña dun trato diferenciado de inmigrantes xa adultos polo mero feito de ter unha relixión diferente e saber que están en minoría, como agresións verbais repetidas sen ter cobrado conciencia os agresores de que 'iso' era un maltrato e un acoso, a pesar de telo falado. Supostamente, farían intervencións equivalentes ante xente de relixión cristiana, pero o caso é que o ser máis numerosos implica non só un recelo ante a posibilidade dunha resposta en grupo, senón tamén o sentemento de pertenza a ese mesmo grupo ó que se ataca, co que de xeito inconsciente toma outro cariz, tanto para quen ataca como para quen é atacado.
Entendo que non se trata pois de centrar o tema nuns atentados que evidentemente son condenables, senón na consideración tanto social como individual do 'outro' como un máis, ó tempo que nós mesmos tamén somos 'un máis'. E nestes tempos de construción dunha sociedade máis desigual, a falta desa consideración está a traer problemas para todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario