20150108

Conexión Asturias

Dende Ribadeo pobo estamos afeitos a que cousa da metade da nosa mirada sexa para Asturias, coa ría por medio. O ser unha punta do que abrangue na actualidade a administración autonómica galega lévanos a iso. Xa non se trata do enganoso 'primos irmáns' cos asturianos, nin de esgrimir a historia para lembrar a extensión do reino galego ata a desembocadura no Navia, senón de cousas máis prácticas, como a resolución da mina de ouro, o remate da A8 en terras asturianas ou o entronque de FeVE en Navia coa papeleira. Cousas todas que ocorren en Asturias, pero que non nos son indiferentes.
Non nos é indiferente que o remate do trazado da A8 nos achegue a Francia, á Europa por onde se vai a nosa xente nova, pero tamén ó País Vasco, de onde ven unha parte do turismo que recibe Ribadeo, incluídos poseedores de casas ou pisos no noso concello.
Tampouco o é que o Principado, o seu goberno, dea carpetazo á actual versión da mina de ouro de Tapia-Salave, en contra da que loitou máis dun ribadense polos efectos nocivos que tería o tratamento do ouro e os perigos dos residuos, tanto a nivel medio ambiente en xeral como a nivel da zona, que abranque ata Ribadeo.
O terceiro exemplo aínda está no aire: moitos ribadenses ven con frecuencia a ponte construída para o tren en Navia, aínda sen vías, dirixíndose cara a Ence-Navia, e a vista leva, cada vez, ó pensamento sobre o trasego de mercadorías en Ribadeo-Mirasol. Rematarase este ano? Optará ENCe por primar o tren despois das ofertas dunha e outra beira durante anos, que a empresa vai tratando como o desfolle da margarida si-non-si-non...?
En fin, Asturias está aí, nos estamos aquí, e cómpre o ser conscientes de que ten que existir relación, cada un dende o seu lugar...

Ningún comentario: