Século vinteún, metade da segunda década, un país supostamente do primeiro mundo, e a nova do xornal indica que haberá wifi gratuíto na estación de autobuses de Ribadeo...
Por suposto, está ben que haxa wifi. Hoxe en día, é de supoñer que a estación teña máis dun ordenador, e iso xa non se concibe sen internet. E os servizos de internet xa é normal que veñan coa instalación dun aparatiño para a wifi, que está incluída no custe de conexión. Logo, por que non? O raro, a nova, sería máis ben o contrario, aínda que non se publicitara ata o momento.
De calquera xeito, chama a atención que se leven reducido servizos de transporte de viaxeiros e a nova sexa esta outra. Que na mesma nova se diga que merca a empresa autobuses (2, e estamos a falar de Galicia, non de Ribadeo) e non que aumenta liñas ou frecuencia. A cousa lembra aquelo dos xornais de hai un século, onde se publicitaba a chegada ou saída de viaxeiros para lugares como Madrid.
Queres ir a Vilalba? Madruga, que non tes autobús nin directo nin circunstancial despois das 7 e vinte da mañá. Queres vir dalí? que sexa pola tarde, que pola mañá... A Avilés hai autovía, e 105 km segundo se pode atopar en internet, que especifica un pouquiño máis dunha hora para chegar a destino no centro dende o centro de Ribadeo en coche particular. A mesma web especifica o triplo de tempo para o autobús. A, si, que Ribadeo e Avilés están unidas por tren... O tren ve a necesidade de dar máis volta, pero tamén dura máis tempo a viaxe... e con dous servizos diarios, non esperes chegar a Avilés pola mañá.
E Burela, ó hospital? Neste caso é diferente: 34 minutos en tren e en coche particular, e 50 en autobús, con catro frecuencias diarias en tren e outras tantas en autobús. Claro que, se tes vez no hospital ás 9 e media, terás que estar na estación (de autobús ou tren) a iso das sete da mañá, o que alonga na realidade a viaxe.
Alternativas? As últimas veces, consultei a web BlaBlaCar... porque por wifi aínda non nos podemos trasladar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario