20150129

Desigualdades. Un caso de relevancia para Ribadeo

O título podería ser doutro xeito: 'se queres ser libre, págao'. Coido que destoutro xeito, a consecuencia é máis clara: 'porque terás que pagar o prezo da túa liberación, xa que non és libre'.
A actual 'democracia á española' manifesta non ser igual para todos. As desigualdades son evidentes. Tanto, que mesmo hai 'demócratas' que tenden a xustificalas.
Se imos á orixe, a cousa pode parecer moi teórica, pero na realidade é moi achegada na súa orixe, como se pode ver a conto das municipais. Calquera pode atoparse na rede lugares como http://sociedadcivilmunicipal.es/ onde mergullarse en cuestións diversas sobre o autogoberno, sobre participación nos actos decisivos para procurar un goberno sobre nós mesmos.
Aínda en cousas en principio non previstas como a perspectiva: "Los resultados de las elecciones si son exitosos (se consigue al menos una mínima representación, o lo que es lo mismo, un concejal), no deben entenderse como un fin, sino como un principio. A partir de ese momento disponemos de cuatro años para seguir creciendo, (...)" é o primeiro que aparece na pestana de 'recursos', se collemos 'comunicación na lexislatura'.
E falta fai telo claro, porque de partida, se non estás integrado nun partido político, de xeito independente ou como coalición, e te queres presentar ás eleccións con outros para tentar un cambio como cidadán, tes un hándicap que te pon o sistema, por tentar cambiar. Non o cres? Mira entón a pestana correspondente ó 'xeito de concorrer ás eleccións':
Para agrupacións de electores, en concellos entre 10 001 e 50 000 habitantes como é na actualidade o caso de Ribadeo, necesítanse ao menos 500 sinaturas de aval, e aínda máis, teñen que ser prestadas ante un fedatario público. Isto é, testemuñadas ante notario ou o secretario do concello, para o que se necesita non só a sinatura, senón o dni para comparar. Mentras, se queredes integrarvos no sistema 'como Deus manda' e facer un partido político para presentarvos, entón, se o queredes con ámbito municipal, abonda con tres persoas. E... alehop! xa estades no sistema. 500 fronte a 3. Está clara a preferenza do sistema? E ti, tes clara a túa?
Podes seguir procurando que non implica o mesmo unha agrupación de electores que un partido: a estrutura non está tan encorsetada, e por exemplo, pode haber diferentes sensibilidades políticas con total tranquilidade, sempre e cando haxa un esprito de colaboración e corrdinación que ás veces, pode costar tempo e traballo, pero tamén terá como consecuencia unha maior riqueza de resultados precisamente debido a esa variedade de orixe.
Ribadeo 2015. Queres participar no teu destino? E como queres facelo, limitándote de principio nunha estrutura na que non fai falta nin que asines, ou polo contrario, en algo aberto no que tes que demostrar que es ti mesmo? As eleccións están aí, podes ir pensando se o que queres facer é votar e esquecer ou polo contrario, queres participar: non é o mesmo.

Ningún comentario: