20150124

Ribadeo, por que non?

Está en marcha unha campaña de promoción turística de Ribadeo, nomeada cun hashtag: #Ribadeoxqsi.
Din que isto das campañas é o método que ven sendo tradicional, e o hashtag sería a parte de innovación, xunto co dito, porque si. Tamén ven sendo tradicional que as campañas se lancen co motivo de acudir a unha feira como Fitur e que se desenvolvan certos resortes como unha recepción en Madrid.
Será que non entendo ben o tema da promoción (das promocións?), ou que non me propuxen unha alternativa antes, o que impediría unha visión de conxunto, pero non me gusta o de #Ribadeoxqsi. Quizais porque creo que é a acción do día a día o que fai que as cousas funcionen, e a mellora continua, en troques de facelo a impulsos. Poidera ser debido a que a afirmación sen máis, 'porque si', sen contexto, nin explicación, parece unha orde e lembra a ditadura. Pode que porque os hashtag concíboos con outros usos, e, de empregalos como propaganda, cunha visión de viralidade que non vexo neste caso. Ó mellor é porque entendo que as campañas para que sexan efectivas teñen que ser creativas, e isto paréceme aquelo de 'viño vello en odres novos'. Ou porque entendo que unha feira é para promocionar o que xa hai, e por tanto non teñen espazo específico para facer unha difusión, entrando en competición dende o primeiro momento con outras moitas alternativas. Pode que sexa por considerar demasiado tradicionais as recepcións, unha das actividades da presentación. Tamén pode ser debido ó acento final do hashtag, ou ó non saber poñer en abreviatura dixital o inglés because...
O caso é que a min non me ten que convencer. Eu xa estou convencido.

Ningún comentario: