20150204

A Residencia de maiores de Ribadeo, a día de hoxe

Mércores, 17:00 horas, rúa Paco Lanza. Un grupo de xente vai xuntándose, e remata por entrar nas obras da residencia de maiores de Ribadeo: son os membros da Comisión Municipal en pro da residencia de maiores, o arquitecto e o vicepresidente da Deputación, entidade que costea o groso da construción.
Un resume das verbas ditas polo alcalde e polo vicepresidente da Deputación Provincial pode verse na web do concello, (ou embaixo transcritas dende esa web). Tamén falou o Presidente da Comisión Veciñal, José Mª Rodríguez, verbas que quedan resumidas no que el mesmo aporta:
Visita as obras da Residencia
Nesta tarde do día 4 de xaneiro a Comisión pola Residencia xirou unha visita ás obras da Residencia. Guiados polo arquitecto municipal fomos comprobando a marcha das obras, a ubicación dos locais que compoñen a Residencia e tódolos avances que se fixeron desde que as obras comezaron.
Todos quedamos moi satisfeitos do bo ritmo das obras e dos traballo da empresa construtora. Marcha a moi bo ritmo e con gañas de acabala neste mesmo ano, cousa que non vai a ser posible porque hai que cumprir os prazos acordados pasa a entrega dos pagos que están suxeitos a uns determinados períodos.
Vamos ter unha boa residencia en Ribadeo. E todo gracias ós veciños, o alcalde e a colaboración dos portavoces dos partidos políticos. Non se pode dicir o mesmo da colaboración do goberno da Xunta porque foi nulo.
A pesares de ter a Xunta a obriga e as competencias da atención a terceira idade, nunca deron resposta as moitas peticións que os veciños lle fixeron en demanda de axuda. Como si non fosemos galegos. Sempre que chamamos as súas portas, oídos xordos. Dentro de poucos meses ben seguro que os gobernantes da Xunta virán a chamar as nosas portas pedindo axuda para poder seguir a gobernar. ¿Estarán dispostos os veciños a abrirlles as portas? Ben seguro que se han de acordar daquel refrán que di: “Mans que non dades, que esperades”?
Mentres, algún dato máis? 590 000 € invertidos no 2014, 700 m2... A residencia levará unha altura de teitos de 2,40 m nos pisos e 3 m na planta baixa, contará con 3 ascensores (2 de uso xeral +1 como montacargas). As habitacións (dobres) contarán cun gran ventanal ó exterior, encadradas no espazo entre columnas que se pode ver na foto, cun corredor de distribución entre elas de 2,50 m de ancho... embaixo tamén están os planos para lembrar.
 Fachada noroeste (á esquerda) e suroeste (centro e dereita da imaxe)
 Comisión municipal máis Antonio Veiga, Vicepresidente da Deputación
 Detalle a pé de terra. Fachada suroeste
 Interior da planta faisa, coa fachada noroeste (esquerda) e noleste (fondo dereita)
 Detalle a pé de terra da fachada surleste
 Un corredor na planta sótano
 Detalle dunha escaleira á planta sótano
 Planta sótano: baixada de vehículos e máis preto, depósitos.
 Planta de entrada, comezada a poñer as paredes
 Vista dunha planta, co oco dos ascensores delimitado
 Vista da fachada surleste, co IES ó fondo
 Unha vista dende o que será unha habitación.
 O espazo entre as catro columnas que se ven é o que corresponde a unha habitación. O corredor quedaría diante das dúas máis próximas.
A residencia, dende o IES
Os planos, tal como foron presentados o día da posta da primeira pedra.

Nota de prensa do Concello:
'O 30% DAS OBRAS ESTÁ LISTO. TERÁ CAPACIDADE PARA 47 PERSOAS

Residencia de maiores

04/02/2015
As obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo avanzan a bo ritmo. Os traballos da primeira fase, que comprende a estrutura e cuberta do edificio, están rematados, polo que o Concello recibirá xa parte dos 1,8 millóns de euros comprometidos pola Deputación de Lugo, sen ter que agardar ao remate dos traballos, o que favorecerá o avance dos mesmos. Esta tarde supervisaron as obras o vicepresidente da institución, Antonio Veiga; o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Servizos Sociais; os portavoces municipais e representantes da comisión veciñal.
O vicepresidente demandou unha vez máis á Xunta que "aclare dunha vez se vai poñer os cartos ou non para a residencia, sen máis culpables nin atrancos". Antonio Veiga reiterou que "Ribadeo e os seus cidadáns merécense esta infraestrutura social tan necesaria e pola que levan tanto tempo loitando” e instou unha vez máis á Xunta de Galiza a “aclarar dunha vez se vai poñer cartos ou non para esta residencia, sen máis desculpas nin atrancos, porque a este ritmo rematarán as obras e a Xunta de Feijóo seguirá poñendo desculpas de mal pagador para non aportar cartos para a residencia".
O convenio asinado entre o Concello de Ribadeo e a Vicepresidencia da Deputación prevé achegas da institución provincial por un importe de 1.828.000 euros que se concretarán en catro anualidades até 2016 (no orzamento de 2013 consignouse para a residencia da terceira idade de Ribadeo unha subvención excepcional de 528.000 euros, no orzamento de 2014 reserváronse 500.000 euros para o mesmo fin, e estableceuse unha previsión de crédito de 600.000 euros para 2015 e de 200.000 para 2016). O vicepresidente da Deputación destacou que esta residencia non só dará servizo a Ribadeo, senón tamén a concellos limítrofes. Esta infraestrutura, que se está a construír na parcela onde se atopaban as antigas vivendas de profesores e un dos inmóbeis colindantes, entre as rúas Paco Lanza e Alfredo Deaño, supón un investimento aproximado de 2,3 millóns de euros e está deseñada para atender a entre 44 e 46 usuarios e usuarias
Antonio Veiga criticou que "ten que ser a Deputación quen asuma a construción desta infraestrutura cando é a Xunta quen ten as competencias na materia". O vicepresidente nacionalista na Deputación denunciou que "a Xunta de Galiza desatende as súas obrigas en materia de benestar social" pero dixo que "co apoio da Xunta ou sen el, Ribadeo terá residencia da terceira idade".
O alcalde, Fernando Suárez, indicou que "a obra está indo razoablemente ben a pesar da meteoroloxía e a pesar de que hai un tempo tivemos que pedirlle á Deputación que nos trasladase unha parte da anualidade do 2014 que non éramos quen de chegar a executar e xustificar naquel momento, pero a previsión inicial de remate da obra segue intacta, dende o primeiro momento. É previsible que a principios de 2016 estean rematadas no que ten que ver co continente. E xa a Corporación que entrará a mediados deste ano 2015 terá que resolver sobre o contido para 2016: as camas, os aparellos, etcétera".
O rexedor lembrou que "por parte do Concello de Ribadeo, de todos os grupos da Corporación e das asociacións de veciños quixemos que Antón Veiga, como representante da Deputación Provincial de Lugo, que é a única institución que nos está axudando a día de hoxe sen prexuízo de que outras podan colaborar tamén, aínda que tamén é certo que o tempo vai pasando, viñese ver como o diñeiro público que xestiona a Deputación de Lugo se está empregando ben aquí para tantos e tantas veciños e veciñas. Un deles agora mesmo me estaba preguntando cando podía anotarse para entrar na residencia, ao que lle contestamos que primeiro vamos acabar a obra e despois xa veremos". E engadiu: "pero o certo é que está indo todo razoablemente ben e simplemente hai que lamentar ausencias, porque nos gustaría convidar a personalidades doutras institucións para que estiveran aquí connosco, pero o dito manos que no dais, que esperáis segue vivo lamentablemente". 
E pola súa banda, o voceiro da comisión pro residencia de maiores, José Mª Rodríguez, dixo:"atopámonos moi contentos pola marcha que están levando as obras, pois non están sufrindo atranco ningún, colaborando tanto os portavoces dos partidos políticos como a Deputación nesta como unidade de destino que é a residencia como obxectivo para os vellos de Ribadeo. Unicamente a pena que estamos tendo, e así percibo os comentarios pola rúa, da ausencia da Xunta como se Ribadeo fose un cantón chino, sendo que teoricamente debía ser o goberno de todos os galegos, pero ten marxinado a Ribadeo completamente e non se lle albisca que poña a mirada en nosoutros para nada".
Rodríguez insistiu en que "evidentemente confirmo o que dicía o alcalde de que hai moita necesidade, porque xa é moita a xente que me para pola rúa para preguntarme cando se pode apuntar un para vir para a residencia. Polo tanto eu felicítome e felicítoos a todos por como vai indo e espero que todo acabe ben, se pode ser coa colaboración da Xunta e senón faremos o posible para que sexa".
Á visita cursada ás obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo acudiron os portavoces dos grupos municipais no Concello; a edil de Servizos Sociais, Teresa González; o alcalde, Fernando Suárez; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; varios membros da comisión veciñal; o arquitecto municipal e o director da obra.'
51 entradas no blogue sobre a residencia, ordeadas de máis próxima (esta) a máis vellas, fotos anteriores incluídas.

Ningún comentario: