20150216

Antroido... hai 18 anos: o antroido do futuro

    Hai algún tempo, ribadeando ligaba un repositorio de documentos relacionados con Ribadeo, 'Publicado en Ribadeo'. Hoxe non, dito repositorio desapareceu e estou comezando a recuperar eses documentos. Entre eles, estaban diversos pregóns do antroido, como a peza que deixo embaixo que debía ser algo así como un adianto do antroido/entroido do futuro. Sirva como testemuña e tamén como comparación dunha previsión co que é na actualidade. Espero que sexa tamén o comezo dunha lenta recuperación para internet do que foi 'Publicado en Ribadeo'.
-
"O antroido do futuro". Antonio Gregorio Montes (pregón de antroido 1997)

    Boas tardes.
    "Actuar é un luxo que permite mostra-los sentimentos que de outro xeito daría vergoña ensinar". É unha cita de Robert de Niro, que debe saber abondo do tema, tomada dunha entrevista de "El Semanal" de 24 de novembro do pasado ano 1996. A traducción ó noso caso podería ser: O disfraz de antroido permite facer moitas cousas que en outro caso serían vistas con moi malos ollos (aínda así o son moitas veces). Dito esto, ¡pechade a porta!. Que ninguén escape.
    "O bo, se é breve, dúas veces bo", en pluma de Baltasar Gracián. Do que non é tan bo, non dí nada. Polo tanto, temede o peor, porque xa non me vexo constreñido pola sentencia.
    Parece que este ano son eu o pregoeiro do antroido. Por eso aquí estou, disfrazado de entendido na materia, e tomando as medidas oportunas. Estou sen toga nin birrete: todo disfraz ten os seus límites, e un deles púxeno aí. Disfrazarme con roupa non me gusta especialmente, pero actuar xa é outra cousa.
    E actuar é un xeito de disfrazarse. Dende logo, hai outros. Por exemplo, ¿alguén se lembra do antroido que viviu o Inspector Lupa?. Ese si que foi un bo disfraz, tanto cando andaba vendo os disfraces como cando non o facía. Aínda non sei quen foi, e non me parece que o saiba moita xente. Xa metidos en materia, ¿por que me elixiron para o pregón?.
    É unha pregunta que me fixen. Tiña o dilema de contestarme a min mesmo de varias formas. Unha resposta sería: "porque és un paiaso" (podería engadrille despois, por exemplo, "pailán", e así queda mellor: "porque és un paiaso, pailán"). Por contra, tamen podía contestarme: "porque és serio" (neste caso, engadiría algo así como "home": "porque és serio, home").
    Elixín o último, gustóume máis. Por eso mesmo me permito facer un comentario como este aquí, diante de tanta xente. Eu considérome serio, e o antroido é para que os serios, as persoas que non se permiten o saírse do seu papel, podan rirse e oficiar doutra cousa, poñerse unha máscara. Eso me moveu a aceptar.
    Así, o que me quedaba era disfrazarme. ¿De que?. Pois de prospector. Non de prospector en busca de petróleo, que por esta terra non parece ter moito futuro, se non precisamente de analista de futuro. Do futuro do antroido, claro. Eso é algo así como ser adiviño, pero con outro nome tentando coller categoría.
    O seguinte foi o preguntarme, ¿por onde pode comezar?. Polo momento, e para min, o antroido estivo a punto de ser por primeira vez entroido: descubrín que a palabra que usaba, antroido, non viña nos diccionarios. Así, estiven por deixar de empregala para ocasións serias, coma esta. Entroido nunca a usei, carnaval decidín fai algún tempo deixalo para a meseta, lugares lonxanos ou festas con outro significado, e antroxu, Nalón arriba, cáeme moito máis lonxe. Por eso decidín deixar as cousas como estaban: antroido, para os amigos.
    Son serio, xa o dixen antes. Así lle dicía tamén ó protagonista maior, o piloto, ó Pequeno Príncipe. Como o Principiño non calaba con esas lerias, e quería saber, continuar vendo mundo, ir ó seu antoxo, a súa vitalidade conduxo a unha obra literaria para todo tempo e idade. ¿Por que?. Porque a todos nos fai falla evadirnos. E iso é o antroido. Evasión. A grande evasión. Ademais, como na película os prisioneiros do campo de concentración son ó fin tristemente cazados, e así remata a súa ilusión de liberdade, os antroidos tamén acaban a tiro fixo. Vóltase á liberdade condicionada. Condicionada pola nosa historia, os nosos coñecidos, compromisos, ... en definitiva, por nós mesmos.
    Centrémonos na prospectiva do futuro do antroido: aí van algunhas reflexións.
    Un. Hoxe en día tómase como unha festa, e parece que non decae a pesar de que a vida é, cada vez máis, carnaval. Quen non o crea así, que lea os periódicos, vexa a tele ou fale cos amigos, aínda que sexa de fútbol. En todos os rincóns hai carnaval. Nembargantes, ese carnaval pretende ser serio, non é o noso estilo de antroido. Aínda así, é previsible que siga a extenderse contrastando coas ideas do antroido que por aquí se levan.
    Dous. En Venecia teñen o seu carnaval de luxo, onde todos queren ser Dogos de seu (non cans, entendámonos, senón mandamaises). Por Río o carnaval é movemento e lucimento da vitalidade (e doutras cousas tamén vitais). Aquí o antroido é máis unha evasión adoitando outro rol e ocultándonos como pícaros para facer trastadas e figurar como reis, por unhas horas, do noso destino. Pero a idade, a era de inocencia, está a pasar rápidamente. É unha incógnita se o noso antroido vai resistir esa falta de inocencia que se está a incrementar aló onde un vaia. Moitas cousas van ter que cambiar para poder superala. Aínda así, feitos como que hoxe estemos aquí fan manter a esperanza de que esta evasión pode seguir facendo os seus efectos benéficos e festeiros por moito tempo.
    Tres. Non hai tanto o antroido estaba, empero, cáseque "morto por orde superior". Esa orde non puido con el e aquí estamos de novo. ¿Pode darse novamente no futuro o caso dunha prohibición directa ou indirecta?. Non estamos exentos dela, pero sería en balde, como o foi a pasada vez: a festa continuaría, aínda que pode que desvirtuado un pouco o seu espírito pola prohibición, ó estilo da "lei seca". Eso mesmo fará cuidarse ós mandamaises de tentar algo parello, aínda que aproveitando as máscaras se produzan algunhas mascaradas que infrinxan as normas do antroido, que tamén as hai.
    Catro. Se miramos ós carnavales de Venecia, Río, Tenerife, ..., mesmo os entroidos de Laza, podemos ver que todos van cara á grandiosidade, cada un no seu modelo, cada un á súa velocidade. Ó mesmo tempo, seguen a ser unha actuación. Nembargantes, a grandiosidade esixe uns xeitos e un dirixismo que impide manter o sentido do noso antroido. Para vencer outros medios vistosos de diversión e/ou enaxenación, que eso é tamen ó antroido, e facelo ademais dun xeito inocuo, necesítase cada vez un espectáculo maior. É inevitable, tal como eu o vexo. O antroido terá que ir cambiando para combatir este efecto ou aliarse con el. A alianza significa máis cartos e unha certa profesionalización, ó estilo deses outros lugares.
    Cinco. Téntase conservar o de cada un, neste caso o noso antroido, pero a profusión de medios que nos poñen en contacto con outros lugares van pouco a pouco influenciando esta festa. Non é problema, porque hai carnavales de todo tipo, polo tanto as influencias serán variadas. Esto, esperando que ós americanos do norte non se lles ocurra a idea de facer un novo carnaval, porque se non, Holliwood rematará non só co noso estilo de facelo, senon tamén por facernos creer que se fixo sempre ó seu xeito. Esperemos asemade que manteñan a data do seu Halloween ben alonxada da nosa celebración, so pena de perder un combate do mesmo xeito que os Reis o están a perdendo fronte ó Santa Claus... e eso que son tres contra un.
    As conclusións anteriores, se ben son as máis xerais, non son as únicas. Por exemplo, visto que non podemos igualar os disfraces sen roupa que fan as ledicias dos e das turistas en Río, e tamén dos propios cariocas, é previsible que nós busquemos e atopemos novos medios de calefacción para que as máscaras con pouca roupa non sufran os rigores invernais.
    Nacerán novas máscaras. É un fenómeno que xa se ven estilando dende tempo hai, e que está lonxe de esgotarse: na variación está o gusto, como di unha frase que máis dun e unha coñecerán e practicarán có gusto anunciado.
    A electrónica escalará postos nas preferencias dos antroidos. O mesmo que se vai metendo en casas ou bancos, non podería facer unha excepción con este fenómeno social. Xa vimos algúns artiluxios desa especie outros anos, como luces ben amañadas e sincronizadas, pero é posible que non sexa nada comparado ó que se aviciña.
    Son previsibles outras incorporacións no desenvolvemento destes días. O antroido permite o anonimato social, e ven potenciado por el. Hoxe en día estánse a extender novas formas de comunicación que outorgan a posibilidade do anonimato. Tendo conta destas dúas premisas, pódese concluir que é probable que se incorporen novas formas de antroido, por exemplo, "a distancia", do mesmo xeito que o 28 de decembro é algo extendido usar o teléfono para gastar bromas, mentras que no século pasado, antes de facer das súas o señor Bell, evidentemente non se podía.
    Podemos observar tamén que as carrozas motorizáronse. É previsible, co uso dun parque móbil máis extenso e variado, que esta tendencia continúe, incorporándose á mesma aínda os disfraces individuais.
    Un dos festexos precursores do carnaval era unha especie de circo naval fai vinte séculos, como din algúns estudiosos do tema. Do carnaval, si. Do noso antroido, dubídoo. Mais, cara ó futuro, todo é que ó clube náutico lle de por aí, e entón o noso antroido podería ser precursor desa proxección naval futura. É posible, e coa motorización e en xeral a instrumentación actuais, máis doado que noutros tempos. Habería que preguntarlle á directiva do clube se está pola labor.
    O antroido é educativo. Seguirase a usar nos centros chamados educativos para facer algunha que outra trastada, ó tempo ou a parte da propia educación. É posible ademais, dentro da política ministerial, a súa inclusión como liña transversal no currículum escolar.
    Falemos de cartos. Estamos a vivir tempos de privatización. Se se pensa en privatizar a xestión de hospitais públicos, por exemplo, ¿por que non o antroido?. Nese caso, ¿que se preparen as comisións a non recibir subvencións?. O antroido, teña ou non subvencións, sempre foi público e sempre foi privado. Sempre necesitou dun espírito social para levalo a cabo, pero sempre foron os particulares as máscaras. Pola privatización, poderá cambiar algo o modo de financiamento, pero nada máis.
    En canto ós premios... é bonito e atraínte para o turismo que os disfraces sexan traballados, pero por ese lado é difícil competir con outros carnavales.
    Nembargantes, a competencia é a competencia, e as leis do mercado inflúen en moitos campos. Pode que o factor máis influínte no futuro desenvolvemento dos premios sexa externo ó propio antroido: máis que a privatización, a marcha da economía en xeral.
    En relación a outro aspecto, fai pouco leín que "os carnavales caen baixos este ano". Espero que non caian baixo máis que polo número que ten asignado o día no que comezan, pois non é esa a tendencia aquí en Ribadeo. Hai que lembrar, sobre esto das datas, que xa se produxeron algunha vez noutra temporada: os chamados "carnavales de verán", e a eses si que lles chamo carnavales. ¿Lémbrádesvos do que xa dixen sobre a economía do antroido e as influencias externas sobre o noso?. É posible que esas festas carnavalescas se incrementen, pero non penso que se lles deba chamar antroido. Serán carnaval. ¿A influencia sobre o propio antroido?. Polo momento, está a salvo, porque son influenciadas por el e non ó revés. Perante canto tempo, eso xa é máis dificil o dicilo e dependerá de moitos factores.
    Pola sequedade da boca ven outra vez ós meus labios o dito de Gracián: "o bo, se é breve...". Por aí, pola sequedade, penso que é cousa de ir rematando. Queda para outra o tratar de imaxinar o futuro do antroido en relación a outras moitas facetas. Como exemplo delas serven a música ou o sexo. En fin, isto é a prospectiva: analizar tendencias para vislumbrar o futuro. Eu, de calquera xeito, non me fiaría moito dunha prospectiva do futuro do antroido feita por un disfrazado.
    Aínda así, costoume facela. E teño que dicilo, porque é tamén unha metáfora do antroido. Nestas datas, hai moito detrás: ilusión, traballo, imaxinación, persoas... é algo matinado para vivir uns días máxicos antes que chegue o momento de quitarse a máscara.
    Ben, penso que os obxectivos das cousas débense definir ó principio. Aínda así, acordei definilo ó final, tras ve-las caras dos que me escoitan hoxe: O obxectivo era sacar á luz o espírito do antroido. Espero haber axudado a facelo, e con eso remato esta pequena perorata. Meu disfraz xa non vale, este pequeno antroido xa se foi. Agora comeza o antroido de todos. O futuro que mencionei xa chega. Vivámolo.

Ningún comentario: