20150214

Asimetría. Diferenza

Os seres humanos somos en xeral simétricos, a esquerda e dereita, con pequenos defectos que fan esa simetría irregular. Cando a falta de simetría é evidente atopamos un caso raro, que tratamos de xeito diferente. Casos como os de alguén a quen lle falta un brazo, ou que tren unha chepa cara algunha das beiras.
No corpo social, ó ser nós unha peza, é máis confuso o facer unha análise da asimetría, sexa de condicións, dereitos ou do que sexa. Do que se fala é máis ben de diferenzas. Pero pode que sexa máis gráfico o falar de asimetría.
Como cando en Ribadeo lemos unha nova de que hoxe mesmo está convocada a 'mesa local do comercio de Ribadeo' polo propio alcalde, cando hai unha mesa de asociacións de veciños que... ben, deixo algunhas vellas novas por se alguén non sabe que é a Mesa de asociacións, e comparar:
Nota de prensa da Mesa de asociacións no 2013
A mesa de asociacións e o alcalde de Ribadeo no 2014
Xuntanza co alcalde no 2008
A mesa de asociacións, impulsora do regulamento de participación cidadá
Comezando coa mesa de asociacións no verán do 2005 (blogue antigo, a nova está pola metade da páxina)
Por certo, e para establecer comparacións, á Mesa local do comercio sentarase a máis do alcalde e concelleiros, o representante da Consellería de Industria, o presidente de ACISA e un representante dos praceiros da praza de abastos e tratarán basicamente de cartos públicos a entregar ós empresarios.
ACISA tamén foi protagonista hai poucos días coa súa asemblea e novidades, entre as que inclúe que todas as peticións de ampliación de horario que solicitou para os locais nocturnos foron concedidas pola Xunta tras ser informadas positivamente polo concello. Non se sabe que o concello consultara a ninguén máis nin que atendera queixas en contra.
Iso si, a Mesa de asociacións non ten o sello de 'oficialidade'. Os cidadáns é o que temos: somos nós, non acadamos o status de constitución oficial que parece que ten a mesa local do comercio, e as asociacións tampouco logran o nivel das empresariais, como xa quedou amosado coa tentativa da normativa de participación cidadá (0, I, II, III e IV).
... comeza o antroido!
Sábado:Por certo, será casualidade que a tan anunciada candidatura do PSOE sexa presidida por o presidente dos empresarios ACISA?

Ningún comentario: