20150207

O Cabo Torres e o Emperatriz Eugenia, por Pancho Campos

  Fai semanas que están aparecendo na prensa autonómica do Reino de Galiza noticias sobre o Patrimonio Local dos pobos da bisbarra. Cómo están a traballar os veciños e empresarios, para poñer en valor este enorme recurso turístico para dar traballo a nosa xente e evitar, dentro do que cabe, que as novas xeracións teñan que emigrar en masa como tivemos que facer nós e os nosos ancestros, índonos para terras e países extraños donde traballamos a reo, e dos que moitos nunca puideron voltar.
  Pois ben. Escribía eu en Xaneiro de 1999, un par de artigos en La Comarca del Eo, sobre os achádegos na Ría de Ribadeo que se fixeran en Novembro de 1996, e que descubriran o derelicto do “Cabo Torres”, afundido no banco de Porcillán o 28 de Febreiro de 1888. Un barco mercante de carga xeral ou mixta, non sabemos, pois aínda que se apunta que portaba ánforas e carga de dinamita, da cal supoñemos aínda quedarán vestixios nas súas bodegas, quizáis tamén transportaba algún pasaxeiro.
  Este barco, pertencía á Naviera Vasco-Andaluza, que logo pasaría a chamarse “Ybarra”, ambas desaparecidas, polo que naide poido darme información sobre as súas características de construcción, nin comerciais.
  Temos algúns datos fixados do Cabo Torres: Eslora 30 m. (manga e puntal sin determinar). Porta dúas rodas de paletas, unha a babor e outra a estribor, como as da foto do “Emperatriz Eugenia”, das cales unha está enteira e a outra non. O casco é de planchas de ferro remachadas. Tallamar de madeira, con unha robusta almohada que da idea de que zallaba un bon bauprés, no que seguramente largaba unha vela trinqueta de gran dimensión para navegar, ou un par de foques.
  Por outra banda, víronse dúas carlingas de ferro, onde asentarían os couces dun pau macho trinquete e dun pau macho maior moi a popa, que ben poideran ir con aparello de goleta de gavia ou de velacho. Á popa da medianía está a saída dunha cheminea da caldeira que producía vapor para unha máquina alternativa que solía andar entre 26 e 36 r.p.m. por aquela época da industrialización. Non sabemos nada da súa potencia, nin da súa casa construtora.
  Pois ben. Fai uns días atopei unha maqueta do “Emperatriz Eugenia”, que me recordou aqueles artigos, pois ten unhas característica similares as do Cabo Torres, salvando as distancias de porte, potencia, aparello e desenrolo comercial. 
  O Emperatriz Eugenia (1864) foi o primeiro transatlántico construído en Francia. Seu nome fai honor a Eugenia de Montijo (1826-1920) muller de extraordinaria enerxía vital e beleza, casada con Napoleón III. Filla de Manuela Kirkpatrik e de Cipriano Guzmán, Conde de Teba, irmán menor do Conde de Montijo, descendientes de Guzmán el Bueno e de Palafox, tres veces grande de España. A irmá de Eugenia, Francisca Guzmán (Paca), sería a futura duquesa de Alba o casar con Jacobo Fitz-James Stuart duque de Alba e Berwick, que por aquel entón vivía no palacio de Liria, en pleno centro de Madrid. Toda esta explicación ven o caso, de que mira por donde, un dos seus descendentes actuais é o Conde Ribadeo: Alfonso Martínez de Irujo Fitz-James Stuart (BOE 6-Abril-2013) 
  Sigamos co tema dos barcos. As características principais do Emperatriz Eugenia eran: desprazamento de verán: 5 600 Tm. Peso morto: 3 200 Tm. Eslora: 108 m. Manga: 13,40 m. Desenrolaba unha velocidade de cruceiro de 13 nós. Púxose en servizo en Febreiro de 1865 en liña regular entre Europa e México. Era un barco mixto, isto é, mareaba velas de bergantín goleta de gran envergadura e tamén estaba propulsado a vapor, con dúas rodas de paletas laterais impulsadas por unha máquina alternativa de 3000 CV. que lle permitían facer a carreira entre continentes en uns 17 ou 20 días, transportando a 200 pasaxeiros. 
  No ano de 1996, cando se descubriu o asentamento do Cabo Torres, decíase que ía ser reflotado por Patrimonio o que fora rexeitado por “Cultura da Xunta”, entrementras submarinistas da Armada facían unha filmación, e supoñíamos que aquelo podería ser o comezo dos estudos necesarios para poñelo en valor e crear futuro para a bisbarra, pois non che quero decir o reclamo turístico que sería para Ribadeo ter atracado o peirao de Porcillán un barco de vapor do século XIX. 
  Pois non. Nin o descubrimento, nin a filmación, nin nada de nada tivo relevancia algunha. O Cabo Torres sigue afundido a 7 metros de profundidade o lado dun cemiterio de ánforas de 4, 12 e 16 litros para pescados en conserva, de viños, de aceite, de licores, de perfumes, de aceitunas en conserva, etc. que seguramente xa non estarán “todas” polo arte do “xa me entendes”. 
  Quero rematar dicindo, que si nós: alcaldía e corporación municipal completa, comerciantes e veciños, non somos capaces de poñer en valor o que temos, ninguén nolo vai a facer, e sinto unha moi grande pena cando vexo que da década dos 50 da miña xeración, os mozos e mozas están fora de Ribadeo máis do 60%, e seus fillos e netos xa non volverán nunca, salvo raras excepcións que veñen de vacacións uns poucos días no verán e case pola obriga de ver os seus maiores, pois a xente é de onde nace, se cría e vai a escola, non de onde proceden seus pais, nin seus avós, aínda que conserven algunhas das súas tradicións en familia. 
  Agora está en boga: “Ribadeo Móvese”, pois oxalá que sexa : “Avante Toda”. Pola nosa banda, intentaremos poñer algo a flote a pesares da “Cultura da Xunta”, da “Educación de Xunta”, da “Sanidade da Xunta”... e como sempre, iremos vendo e poñendo os nosos datos en coñecemento do pobo. 
Pancho Campos


Dúas imaxes dunha reprodución do 'Emperatriz Eugenia'

Ningún comentario: