20150202

Do lixo e outras merdas

Ven sendo algo cíclico, o do falar do lixo. Producimos moito (en Ribadeo, enviamos ó lixo cousa de 1 kg diario, co que completaríamos un peso igual ó noso en 2-3 meses) e literalmente non se sabe que facer con el. Nin aínda cando temos unha recollida como en Ribadeo se evitan situacións como as de embaixo, que en principio parecerían perfectamente evitables. A primeira foto corresponde ó furado preto da terceira cetaria de Rinlo, xusto á beira da estrada. Alí non se debera botar lixo, tampouco hai casas próximas, e o movemento grande máis próximo foi o intento de Cascos que rematou nunha grande lagoa que agora se pode ver preto. [Por certo que o da parte de baixo, branco, é escuma mariña, pois o mar chega por un furado nas rochas]
 O segundo é moito máis recoñecible, unha das beiras da 'zona comercial' do Vilar, que non é a primeira vez que sae no blogue por conta do lixo. Neste caso, a zona é a da vía de FeVe, entrada a Ribadeo para máis dunha persoa.
Isto ocorría mentres en Madrid se promocionaba que veña xente a Ribadeo.
A outra cousa incluída no título é a merda. Aínda non hai moito que se está a rematar a EDAR co tubo saínte que debera levar dende o comezo e levar os restos, entre outras cousas, da nosa merda, lonxe. Pero hai outras merdas que en boa parte non son recollidas e campan polas beirarrúas esperando, por exemplo, que algún zapato lles faga a honra. Admiro á xente que se pon a recoller a merda dos cans. Pero tamén hai xente que non o fai.
E ben, quen esporcalla? Hai recollida de lixo, hai varredores nas rúas, pero é evidente que tamén hai quen non lle facilita as cousas. E, a pesar dos avisos de sancións... parece que a cousa queda niso, en aviso.

Ningún comentario: