20150206

Enquisa do CIS? Non me faigas rir!

1.Introducindo
Hai uns días, un 'potente medio escrito galego', á calor da manifestación de Podemos o día 31, entraba nos cómputos de xente como tantos outros medios, pero na páxina 3, se non lembro mal, axustaba nos titulares dunha nova que, dende Galicia, tiñan viaxado a Madrid unhas 10 000 persoas, e que o fixera, a maioría delas, en 10 autobuses.
Facendo contas, a maioría son máis de 5 000 persoas, o que faría máis de 500 persoas por autobús. Parece evidente que se trata dun erro, pero non vin ningunha corrección a posteriori, o que me deixa a dúbida de se o era á hora de escribir ou porque se pensou de xeito erróneo.
Iso e algunha cousiña máis quenceu un pouco o ambiente e, cando vin como saía recollida a enquisa do CIS de xaneiro 2015, quixen poñer o meu gran de area.
2.Nun xornal serio
Nestes momentos, para min, ElDiario.es considero que ten un tratamento da información dun nivel por riba da media, e en concreto na presentación da enquisa do CIS, coido que mantén ese nivel. Por iso me vou a referir en particular a el, para evitar ter que comentar algunhas cousas máis.
Obvio os comentarios dentro do texto e opinións sobre os resultados, e quédome cos números e a súa representación.
A ficha técnica estaba ó final da nova, despois de ter lido e 'asimilado' a información:
Ficha técnica
Tamaño da mostra
Deseñada: 2 500 entrevistas.
Realizada: 2 481 entrevistas.
Data de realización: 2 a 12 de xaneiro de 2015.
Erro mostral: para un nivel de confianza do 95,5% (2 sigmas), e P=Q, o erro real é ±2,0% para o conxunto da mostra e no suposto de mostra aleatoria sinxela
Ben, non contempla toda a ficha como aparece no informe do CIS, pero abonda, que quédome con que o erro é de 2% enriba ou embaixo para o conxunto da mostra, isto é, por enriba ou embaixo das porcentaxes asignadas como resultados, algo que no texto e comentarios non aparece e que é abondo importante porque supón, á vez, máis do 10% sobre cada resultado asignado a cada partido.
A nova céntrase en dous conceptos: a intención de voto directo e a estimación de voto. Para aclarármonos, unha pincelada sobre os dous conceptos (algo que a nova non fai): a intención de voto directo é o que a xente declara que quere votar. En relación á estimación de voto, a mesma enquisa do CIS aclara na súa penúltima páxina: Dado que os datos dos indicadores “intención de voto” e “intención de voto + simpatía” son datos directos de opinión e non supoñen nin proporcionan por si mesmos ningunha proxección de hipotéticos resultados electorais, neste anexo recóllense os resultados de aplicar un modelo de estimación ós datos directos de opinión proporcionados pola enquisa. Procedemento que leva consigo a ponderación dos datos por recordo de voto imputado e aplicación de modelos que relacionan a intención de voto con outras variables.
Obviamente, a aplicación ós mesmos datos de outros modelos podería dar lugar a estimacións diferentes
.
É dicir, a estimación de voto, que resulta ser á que máis pulo se lle da, é o resultado de aplicar un modelo entre outros posibles. Modelo que ademais, no caso desta enquisa non resulta demasiado preciso: avisa que ten en conta votacións anteriores (de feito hai un apartado no que se pregunta que se votou nas anteriores xerais) precisamente nas que a forza que resulta con máis intención de voto nesta enquisa non tiña participado por non ter eclosionado... [algo que, por motivos parellos, afecta a toda a serie xullo-outubro-xaneiro de informes do CIS]
Poño primeiro os datos obtidos da primeira gráfica que aparece no xornal. Vense claramente non só os resultados porcentuais dos partidos citados (non todos os que aparecen na enquisa do CIS, como veremos) relativos á enquisa xaneiro 2015, senón tamén das dúas anteriores, algo que non especifica despois na ficha técnica que puxen ó comezo.

A representación gráfica que corresponde no xornal é equivalente á seguinte, con liñas finas marcando a evolución e polo tanto, con distancias claras entre a intención de voto de cada partido. Por exemplo, no segundo conxunto de datos, o correspondente a outubro, vese claramente unha diferenza entre Podemos e PSOE de 3 puntos porcentuais.

A de embaixo é a gráfica aproximada ó que significan os datos co erro correspondente. Nela, no citado período 2 (outubro), atopamos que as liñas de Podemos e PSOE solapan, aínda que sexa por pouco, indicando así que a enquisa non lle da unha prevalencia clara a Podemos sobre o PSOE en intención de voto directamente expresada polos enquisados. A diferenza de significado entre esta visión da enquisa e a anterior coido que é significativa.
 

Algo polo estilo ó anterior sucede coa estimación de voto, pero agravada por varios factores. O primeiro, compara a estimación de voto (repito, resultado de aplicar un modelo entre moitos posibles ós datos que teñen) para as eleccións xerais cun primeiro conxunto de datos que só ten unha relación aproximada: as porcentaxes obtidas polos partidos nas eleccións europeas, non nunhas xerais. A máis, ó aumentar un partido máis con porcentaxes equivalentes ó erro estimado, mete un conxunto de datos que nalgún caso teñen unha significación case nula.
A representación no xornal é aproximadamente:
 
A representación anterior de novo ten que ver coa seguinte, na que se especifican liñas grosas para representar o conxunto dentro das marxes estimadas pola enquisa. Habería ademais que incrementar o grosor pola indeterminación que introduce o uso dun determinado modelo, algo que só se pode facer de xeito estimativo e que non inclúo. Por suposto, mentres no caso anterior apréciase no período 4 (xaneiro 2015) unha diferenza entre UPyD e C's, na representación seguinte superpóñense en boa medida as estimacións correspondentes a unha e outra formación

Coido que as diferenzas entre facer a representación dun xeito e doutro quedan claras.
3.A enquisa do CIS
Imos ós datos 'en bruto' do CIS. Son moitos, polo que me centro en varias táboas (o CIS no seu informe non fai as representacións gráficas). Na primeira, os datos son obviados polos periodistas, indicando que 0 60,6% dos cidadáns non votarían en ningún caso ó PP. Pódese ver o listado correspondente a outros partidos na primeira columna. E coido que é moi interesante: a maioría absoluta de cidadáns estaría declaradamente en contra da maioría absoluta no Congreso.E Podemos non só sería a forza política que xera menos rexeitamento 'incondicional' (exceptuando o PNV no que ó País Vasco se refire, segundo só... 118 enquisas para todo o País Vasco), senón tamén a forza que xera máis apoio 'incondicional' (41,8% e 6,3% respectivamente)...
[Unha nota, para facerse unha idea: o número de enquisas para traballos de xente de 1º ESO referidos a estudos sobre Ribadeo anda polas 100]

A seguinte táboa corresponde ós mesmos datos que a primeira gráfica do xornal, polo que non comento máis.

A 'pregunta 19' corresponden á simpatía en relación ás ideas, e é doado comprobar que os resultados teñen que ver coa táboa anterior, pero con diferenzas significativas que, poderían atribuírse á percepción de corrupción dentro dos partidos? Collendo ós que no momento actual son os 'tres grandes', podería entenderse así, aínda que habería que xustificalo.

O conxunto de voto + simpatía  pode corresponder á mesma idea expresada, e fai aumentar aínda máis relativamente a importancia de Podemos.

A última táboa da serie é a que corresponde á comparación entre voto directo e previsión de voto. Xa dixen abondo sobre o tema, pero queda unha cousa máis: mentres que é presentada por separado a columna da dereita, e é a que se lle da máis relevancia nos medios, nos 'papeis' do CIS van en conxunto, como para comparalas, despois do aviso que puxen antes, e ademáis, nun anexo, fóra do dorpo principal do documento, por se non quedaba claro. Parece ser, que, a pesares de todo, non queda claro abondo...

Por certo, a diferenza das columnas tamén inclúe, como se di na mesma táboa, que no primeiro caso, participan todos os posibles votantes, mentres no segundo, só os que efectivamente votarían a partidos.
4.Agasallo final
Está claro que os xornais interpretan de xeito sesgado, pero tamén, e máis aínda, que non son capaces de plasmar o que din as enquisas nos seus artigos, e, aínda máis, céntranse en táboas particulares que ven como máis representativas ou significativas, desprezando outras, quizais en aras do aproveitamento do espazo, quizais da mellor intelixibilidade... deixo aquí unha última táboa do CIS, esta volta en relación a unha percepción con escasa expresión nas novas que tratan da enquisa deste organismo.
Resulta que, segundo a táboa, máis da metade dos consultados considéranse tanto representados na súa propia Comunidade Autónoma como por España (53,7%). E queda relativamente equilibrada a porcentaxe de quen se sente única ou preferentemente españois (23,3%) que quen se se sente única ou preferentemente representado pola súa Comunidade Autónoma (17%, ou sexa, relación entre ambos 4:3, quedando fóra de opinión un 6%). Así pois, a textura da xente con DNI español non é tan centralista. Facendo unha síntese aproximada, 4 'centralistas' por cada 9 'igualistas' e 3 autonomistas/separatistas, e 1 que 'lle importa un pito'.

Ningún comentario: