LEMBRANDO DOUS LIBRIÑOS (e II)
Hai dúas semanas este medio publicou a primeira entrega sobre os libros “A Ria de Ribadeo Natureza entre dúas augas” e “La Ria del Eo Naturaleza entre dos aguas”. A edición foi promovida polo CEDER OSCOS EO e mais a Asociación Puente de los Santos, porén financiada con fondos públicos sendo presidente e secretario os alcaldes de Castropol e Ribadeo, don Fernando Suarez Barcia. Naquela escrita comentamos o emprego incorrecto do toponímico da ría. Imos ver agora outros contidos desta obra proxectada para a súa difusión nos centros de ensino.
Nas páxinas 18 a 22 e na 58 e seguintes trátase sobre sedimentación. Descríbense unha serie de procesos físicos, correntes, tipos de sedimentos, orixe das partículas, etc. Sen embargo, agás algunha referencia colateral, o impacto das obras, recheos, escollera, ponte da Veiga, ferrocarril, Ponte dos Santos, autovía, etc. semella que non existe nin existiu nunca. A perda de calado en moitos puntos, a práctica desaparición do canal das Figueiras e a constante degradación causada pola intervención humana non aparecen por ningures. Lembraremos que no ano 1 933 subiu ata A Veiga o Castro Alén, un barco de 1 300 Tm a cargar madeira. Aínda nas décadas do 50-60 do século pasado chegaban A Veiga o Pitas, o Porfirio Díaz e outros barcos que andaban polas 300-600 Tm.
Na páxina 13 (introdución) aparece un relatorio das normas de protección da ría de ámeto estatal, internacional e do principado de Asturias, algunhas con erros nas datas de calificación, pero omite a declaración de Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral da Xunta de Galiza (Decreto 157/1995 da Xunta de Galiza). Mesmo tampouco se cita o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais ou Plan de Uso de Xestión, preceptivo dende 1989 e sen comezar ate hoxe.
Páxina 32: 24 liñas para describir polo miudo o muíño de mareas de Berbesa. De seguido lese a seguinte frase: Existen ruinas doutro muiño na enseada da Vilavella, na beira lucense. Sen comentarios.
Páxina 108: onde se comentan as características da ría por fóra da Ponte dos Santos. No parágrafo segundo pode lerse a seguinte aberración: As augas adoitan estar tan axitadas coma no mar aberto, polo que os procesos sedimentarios son aquí de escasa entidade, so paga a pena destacar o depósito de areas na Praia de Arnao. A comparación das cartas mariñas oficiais do Instituto Oceanográfico de 1986 e 1996 revela que a realidade é exactamente a contraria, a sedimentación foi intensísima nos últimos 25 anos, posiblemente trala construcción da escollera e da Ponte dos Santos. A perda de calado na boca da ría, no Boi, en Arnao e en todo o tramo exterior da ría é tan evidente que non merece mais comentarios.
En resumen unha ría de papel couché, como os libros, editados sen aforrar gastos, fotografías a centos, montaxe perfecta, pero os contidos están moi lonxe da realidade.
Evaristo Lombardero Rico
Ningún comentario:
Publicar un comentario