20150201

Medindo resultados de campañas de propaganda

Polo que parece, a campaña de promoción turística de Ribadeo en Fitur este ano é un éxito completo. Remítome ás notas de prensa e conseguintes publicacións.
Dende Ribadeo, tendemos a ver o que se fai pola nosa xente no exterior con ollos positivos. É natural. Pero a día de hoxe, a piques de rematar Fitur, non teño claro o resultado, que sexa como se nos di. O primeiro, porque o resultado mídese a posteriori, non durante o evento, nun momento que non trouxo aínda a ninguén facernos unha visita (coido que é o que se procura en Fitur). Reforza o anterior unha pequena procura por internet, onde se atopa que, mentres estou escribindo isto, aparecen 1820 resultados de ribadeoxqsí (agora xa aparecerá un máis!), mentres que de Fitur 2015 son uns 20 800 000, ambos procurados en Google, o que representa menos dun 0,01 %, que pode ser moito, pero... mesmo se miro o meu nome cos dous apelidos hai arredor de 666 000 resultados, abondo máis de trescentas veces máis (claro que o meu nome leva anos aparecendo e o lema deste ano só leva días, pero é que un ano ten 365 días, co que a 'puxanza' na rede sería da mesma orde...)
Por outra banda, non vexo ningunha referencia a unha medición de resultados na campaña, o que podería levar de xeito máis doado a unha mellora en campañas posteriores. Así pois, espero que sexa unha boa campaña, pero haberá que esperar a dentro duns anos, con calma e perspectiva, para ter unha idea de se a campaña é o éxito predito (que non se está a contemplar como futuro, senón como presente).
Polo momento, o que si se pode ver é a páxina de turismo de Ribadeo, http://turismo.ribadeo.gal e a xente de Ribadeo que foi a Madrid co motivo da posta en marcha da campaña: hai fotos abondantes!
---
Actualización a 20150203:
Segue ribadeoxqsi en 1810 (10 menos!)
Fernando Suárez Barcia con 218 000
Fitur 2015... 26 100 000
Sen máis que comentar, o día que se fai un resume extremamente positivo do 'resultado' en Fitur.
---
Actualización a 20150205:
ribadeoxqsi en 1570 (... !)
Fernando Suárez Barcia 218 000
Fitur 2015... 26 500 000
Entendo pois que impacto decrecente dentro da irrelevancia.
---
Actualización a 20150331:
ribadeoxqsi en 1130 (... !)
Fernando Suárez Barcia 226 000
Fitur 2015... 33 500 000
... E xa non poñerei máis actualizacións: está claro o impacto do lema 'éxito completo' Mentres, o do alcalde segue a subir. Que tal unha proposta de asociar Ribadeo ó nome do alcalde?

Ningún comentario: