Nota de Prensa: Presentación de Ribadeo en Común
O vindeiro xoves 5 de febreiro a plataforma cidadá Ribadeo en Común
presentará ante os medios locais o seu proxecto para que haxa unha
candidatura veciñal nas eleccións municipais do vindeiro mes de
maio. A presentación terá lugar ás 10:30 da mañá no antigo
Lavadoiro da rúa dos fornos de Ribadeo. Nela se fará unha relación
dos principios reitores do proxecto, así como do estado actual do
proceso, e unha previsión dos traballos pendentes e dos prazos nos
que se irán concretando cada un deles.
Ribadeo en Común inscríbese na dinámica dos movementos sociais
xurdidos despois do 15M, cunha proposta baseada nuns xeitos e ideas
que contan co apoio da maioría social do país: a transparencia, a
participación e a loita contra a corrupción como xeitos de
funcionar, e un ideario a prol da solidariedade, a igualdade, a
defensa do patrimonio natural e cultural e dos servizos públicos.
Calquera persoa pode integrarse na Plataforma asinando o seu
manifesto, ou colaborar desde fóra achegando ideas ou propostas ao
enderezo ribadeoencomun@gmail.com.
Ribadeo en Común é unha proposta diferente ás demais:
-
Porque se trata dun movemento veciñal sen hipotecas partidarias que procura que @s veciñ@s de Ribadeo vaian onde decidan ir, sen presións desde outras instancias.
-
Porque fai unha aposta radical pola transformación dos xeitos do Concello cara á transparencia e a participación da cidadanía na toma de decisións e no control da xestión municipal.
-
Porque o seu programa, no canto de ser unha listaxe de propostas e ideas sen fío, quer ser un proxecto coherente para a transformación de Ribadeo cara a un futuro economicamente próspero, socialmente xusto e ambientalmente sustentable.
-
Porque ese programa, que vai ser a folla de ruta do goberno local, estará feito de xeito aberto, participativo e transparente desde o principio ao final: a xeración das ideas, o seu debate aberto, a súa aprobación e a súa priorización. Un proceso de colaboración coa veciñanza que se manterá a todo o longo da lexislatura.
Chegamos para promover a colaboración e o entendemento entre todos a
prol do común. Fartos de pelexas entre institucións e partidos
políticos, queremos falar de ideas e propostas novidosas para
mellorar o que temos. Con prantexamentos positivos e dende intencións
propositivas traballaremos para mudar a escena política na parte que
nos corresponde, o eido local.
No mes de febreiro comezaremos as presentacións do esquema previo do
programa no que viñemos traballando ao longo destes meses.
Chamaremos á colaboración das asociacións e de todas aquelas
persoas que desexen participar no deseño final do programa de
Ribadeo en Común. Queremos traballar sobre a experiencia das xentes
que sofren os problemas e aproveitar o saber dos técnicos que se
adican a amañalos. Solucións realistas, desde abaixo, dirixidas a
mellorar a vida de tod@s, e especialmente daqueles que máis o
precisan.
Queremos, en fin, artellar un espazo cidadán no que os veciños e
veciñas de Ribadeo decidan de xeito directo o que queren que se faga
cada ano cos 9 millóns de euros do orzamento municipal, en cada rúa
da nosa vila, e en cada unha das parroquias do noso concello. Por un
Ribadeo novo, de tod@s, entre tod@s e para tod@s.
Rematamos cunha petición: a Asemblea de Ribadeo en Común optou na
súa última xuntanza pola fórmula legal da Agrupación de Electores
para presentarse ás eleccións. Se para crear un partido de ámbito
local abonda coa firma de tres persoas, para presentar unha
candidatura co formato de Agrupación de Electores -o xeito
máis achegado ao noso espírito de traballo horizontal, aberto e
independente- precísase do aval de 500 veciños con
dereito a voto en Ribadeo. Dar o aval non é
comprometer o voto nin apoiar as nosas propostas: o aval ven sendo un
permiso para presentarse ás eleccións. Calquera persoa que vexa
xusto que unha candidatura veciñal non partidaria poida presentarse
ás municipais pode avalar a Ribadeo en Común, e votar despois por
calquera outra opción, ou non votar.
Reunir 500 avais é un obxectivo moi difícil de acadar en
tempo e forma (as sinaturas deben recollerse entre o 1 e o 15 de
abril e vir acompañadas cunha fotocopia do DNI), polo que
precisaremos da axuda de toda a xente disposta a botar unha man. Se
queres axudar podes contactar coa Plataforma no seu enderezo
ribadeoencomun@gmail.com,
no facebook de Ribadeo en Común, ou achegar os teus datos de
contacto a calquera dos membros da Plataforma ou aos establecementos
colaboradores* para organizar con tempo os grupos de recollida.
(*)
Serigrafía
CLIP GRAF OXALÁ RIBADEO na rúa San Francisco 8
Amodiño
Tenda- Bar
Ningún comentario:
Publicar un comentario