Pouco a pouco, a Asociación Cultural Casa das Letras recorre camiño dende a súa creación en setembro de 2011. Neste caso, por partida dobre: a presentación do novo libro potenciado pola asociación, o 'Caderno de Viaxes Camiño Primitivo' será presentado en Lugo, na Galería Sargadelos hoxe mesmo ás oito da tarde. Na presentación, a máis dos autores do texto, Ricardo Polín, e das imaxes que dan a estrutura do libro, Eduardo Baamonde, estará presente o Presidente da Asociación Cultural Casa das Letras de Ribadeo, Andrés López-Santos Santiago. Tamén haberá a súa cota para os políticos, coa presenza na mesa da Xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo.
As imaxes de Baamonde sempre son de agradecer, e veñen tecendo historia pola zona dende hai tempo, asociadas a diferentes proxectos, en particular outro caderno de viaxes relacionado co Camiño a Santiago que nos toca algo máis preto: o Camiño Norte, a máis do adicado a Ribadeo ou o correspondente á Mariña.
A presentación do libro en Lugo é lóxica polo paso primitivo por alí, e representa unha extensión da Asociación Cultural máis aló de Ribadeo, ó tempo que anuncia no comunicado unha proxección maior fóra de Ribadeo, pois a presente sería "a continuación dun proxecto máis amplo, iniciado co adicado a Ribadeo, que terá continuidade ao longo dos vindeiros meses, e que permitirá acometer unha serie de publicacións encamiñadas á promoción dos elementos patrimoniais máis salientables de Ribadeo, A Mariña, Lugo e Galicia." É dicir, algo así como unha 'multinacional da cultura' baseada en Ribadeo pero orientada cara a máis aló. Nese sentido, a cousa pode verse como que Ribadeo exporta cultura, ou polo contrario, que Ribadeo dilúe a súa cultura no entorno.
De calquera xeito, a Asoc. Cultural Casa das Letras, móvese.
Ningún comentario:
Publicar un comentario