Venme o título, primeiro ler, logo pensar, dun dito latino ben coñecido: 'Primum vivere, deinde filosofare', primeiro vivir, logo filosofar, a conto de algo que lin onte. O de onte era unha páxina enteira de La voz de Galicia, na que o seu director Santiago Rey Fernández-Latorre larga unha longa perorata para rematar dicindo algo como 'non votedes Podemos', despois dun título que pode resultar suxerente: 'Pensemos'.
Aconsélloo como exercicio de lectura crítica. Ou irónica. Ou divertida. Non como un exercicio de simple lectura, deses de tragar unha verba tras outra dun xeito indixerido, que certamente pode rematar en indixestión.
Só algunha pincelada descontextualizada, para ir abrindo boca:
-'España está huérfana'. Non especifica se da pai, nai ou de ambos. O que si parece estar claro é a indicación de que necesitaría alguén que a tutelara. Un caudillo, quizáis? Ou un director de empresa periodística subvencionada polos poderes que temen perder o seu cortello particular?
-'Desde el momento en que se abran las urnas el éxito o el fracaso de lo
que vaya a venir corresponderá exactamente a quienes tienen la facultad
de decidir: los electores'. Si, iso, votemos e esquezámonos despois da política ata dentro de catro anos, que para iso xa están os elixidos. Ó fin, é o que se ven facendo, non? Ou non é 'o tradicional', e hai que defender as tradicións!
-Aconsella estratexia a canto partido con varias eleccións ás costas poda haber, mesmo Bildu. E os novos? Non! Eles representan perigo! Son 'la secta'! E van en connivencia con indesexables, snedeo eles mesmos o xerme da indesexabilidade!
-'Solo así volverá a Galicia y a España la democracia que merecemos'. É a frase final. Xa temos guía. O Capo da empresa sinálanos o camiño. Non é necesario que se presente ás eleccións, chega con que fagamos o que el nos di.
O dito: pode ser un bo exercicio de lectura crítica. Mágoa que por cousas da lexislación non se deba poñer a ligazón directa, por se acaso se queixan os medios. Pero, nun buscador calquera podes obtelo rápido. Por exemplo, en https://duckduckgo.com/ , con navegación segura, se pos Pensemos Presidente y editor de La Voz de Galicia asi, todo xunto, no seu significado, teralo en primeiro lugar... Bo proveito!
Ningún comentario:
Publicar un comentario