20150212

Tempo de antroido, tempo de desconto en Ribadeo

A modo de introdución ó antroido.
O antroido non comezou aínda, pero xa está na mentalidade informativa e tamén entrou na cabeza da xente  de xeito que aparenta unha excrecencia que tende a ocupar espazo e desocupar pois outras cuestións que o ocupaban. Todo en consoancia con que de feito amplíase de xeito elástico o tempo de festa, se non de festivos por ser máis complicado, de parranda, que é máis sinxelo.
Tres meses e medio aínda para as eleccións municipais e moitas incógnitas ocultan o máis aló dos partidos, a política, como se o importante fora a candidatura, o postular tal candidato ou tal outro, o procurar apoios mediáticos en troques de debater o futuro e as cousas do día a día entre todos. Pode dicirse que sen debate non hai participación, e polo tanto, non hai democracia, senón submisión. Mesmo a verba cidadanía queda grande: ése da cidade no sentido de pertenencia a, pero non no de constitución da cidade en pé de igualdade.
Estamos a ver mostras continuamente desa falta de debate e participación. A coincidencia destas datas festivas co artellamento da precampaña manifestan un contraste moi propio do antroido: todo aparencia fronte a realidade da que se quere escapar ou só criticar, a modo de válvula de escape, pero que raras veces pasa de rir por non chorar, no mellor dos casos.
Pasará o antroido e voltaremos á realidade. Si? Ás veces parece que estamos en tempo de antroido todo o ano, como se non puideramos aprehender a realidade e nos víramos obrigados a vivir nunha impostura contínua.
Sempre crin que para desfrutar plenamente de algo había que mentalizarse, xeralmente polo traballo que costa logralo. Desfrutaremos moito pois cando logremos que a nosa sociedade funcione dun xeito participado: está costando moito traballo o achegarse a algo así.

Ningún comentario: