Cando se fala de participar en política, coas ideas maioritarias actuais, ou ben estase a referir a votar ou ben a vivir da política. Mais participar en política é algo consubstancial á xente, a nós: trátase de xestionar a nosa relación dentro da sociedade en conxunto.
En Ribadeo estase construíndo unha participación de novo, sen reducirse a votar nin facer da política unha especie de posto de traballo. É certo que non todos (nin moito menos) os cargos políticos en activo son 'políticos de carreira', pero si coinciden en xeral as ideas que manexan coa filosofía da 'política de carreira'. E diso se trata, de cambiar as ideas para que a participación nas decisións sexa a todos os niveis, para que as persoas exerzamos como donas de nós, xestionando o entramado de relacións que nos conectan ó resto da comunidade.
Ó que ía. Antonte, en asemblea, Ribadeo en Común, que pretende constituírse en agrupación de electores para as próximas municipais, aprobou o regulamento de primarias abertas. Aquí a entrada no blog de Ribadeo en Común:
"RIBADEO EN COMUN. PRIMARIAS ABERTAS.
Ribadeo en Común (ReC) aprobou o pasado mércores 18 de marzo o seu
regulamento para a realización de eleccións de primarias abertas. Deste
proceso sairá a lista definitiva das candidaturas coas que a plataforma
veciñal concorrerá ás eleccións municipais de Ribadeo do vindeiro 24 de
maio. Dito regulamento está a dispor de tódolos veciños en Clip Graf (r/
San Francisco 8, Ribadeo) e tamén a través do Twitter, Facebook e
ribadeoencomun.blogspot.com, pódese obter tamén máis información en
ribadeoencomun@gmail.com e chamando ó teléfono. 620 93 75 23.
Con este novo fito, ReC quere volver facer partícipe á veciñanza do seu
acceso ó goberno municipal. As eleccións primarias son un espacio aberto
onde todo o mundo escoita, debate e decide. Hai que lembrar que Ribadeo
en Común constituirase en Agrupación de Electores gracias á firma de
500 persoas inscritas no censo electoral de Ribadeo; pensan que sería un
sen sentido presentar unha lista feita ás costas da veciñanza e tamén
daqueles que darán a súa sinatura para que haxa unha candidatura aberta á
participación no concello.
Neste proceso poderán votar tódalas persoas que así o desexen maiores de
18 anos, censadas en Ribadeo e que teñan asinado o manifesto
fundacional de Rec.
No tocante ás candidaturas, serán elixibles segundo a lexislación
electoral vixente, pero han de comprometerse por escrito a cumpri-lo
compromiso ético e segui-lo mandato da asemblea no desenvolvemento
futuro das súas funcións. O xeito de presentarse é individual xa que non
están permitidas as candidaturas conxuntas.
O proceso da comezo 19 de marzo e rematará coa publicación dos resultados o 14 de abril.
"
E, para complementar, a ligazón ó regulamento en borrador para as primarias de ReC, que será definitivo tras revisión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario