Hoxe están de moda os restos romanos na praia das catedrais. Diso falaremos, pero por hoxe, serán outros restos máis próximos á vila os destinatarios.
Coñeces a praia dos Bloques? Si? Se es de Ribadeo, é posible mesmo que de pequeno xogaras e 'exploraras' as súas covas, antes do recheo. Agora tamén as covas estanse a rechear. Non de area, senón de herba. Ano tras ano, o montón vai acumulándose diante de cada unha delas. Na da primeira foto, xusto na curva que fai o cantil, a máis grande, a costa de residuos non a da tapado, pero cada ano sube máis. O resto, máis pequenas, sofren unha sorte semellante. Mesmo sen necesidade de cova, os residuos de ramas cortadas ou caídas da vexetación do cantil queda xunta pero abandonada nos lugares menos discretos, como se ve na última foto, detrás do novo edificio de de duchas e vestiarios.
Os bloques non teñen tanta relevancia mediática como as catedrais. O que non quita para que se manteñan, e mesmo se aproveiten. Coido que os veciños apreciarían que así se fixera. E, as covas nun lugar que está mesmo na poboación, e os estratos do acantilado nas diversas formas que teñen, poderían ser un atractivo máis de Ribadeo-vila, mesmo para traer/manter fixados os tan cobizados turistas. Claro que iso require un coidado e un plan, aínda que debera resultar abondo máis barato dos presupostados 40 000 € do plan particular do concello para As Catedrais. Así pois, botarase de novo en poucos meses outra capa máis sobre as que xa hai ou polo contrario, poñerase en valor a zona?
Ningún comentario:
Publicar un comentario