20150415

A unión fai a forza, e a forza...

Non fai falla acudir a cousas como a presentación dos avais de Ribadeo en Común para manifestar o xa sabido: a unión fai a forza. Aínda así, os temas sociais son especialmente proclives á necesidade de unión para lograr esa forza que se quere. O xornal trae hoxe que un convenio das acia da Mariña vai facer que o combustible lles baixe ós empresarios. Os que non temos empresa, podemos preguntarnos: e por que a nós non?. A resposta está na unión. Hoxe por hoxe, as unións de consumidores son abondo menos potentes que as de empresarios. Non só porque manexen menos cartos, senón porque o conxunto de socios é menor, a pesares de ser moito maior a poboación de referencia á que van dirixidas. Por exemplo, estás en algunha organización de consumidores? E, nas asociacións de calquera tipo, en cantas participas activamente, te implicas, sen deixar que os demais fagan as cousas por ti?
Pois, sen traballo en común, non hai beneficios comúns...
O título quedou incompleto. E a forza? A forza fai que o movemento comece, e ás veces, non se sabe onde irá a parar. Por exemplo, este caso citado da rebaixa Repsol a empresarios mariñáns. Desencadeará unha serie de rebaixas doutras subministradoras ós empresarios? Tentarán equilibrala as outras subministradoras con rebaixas ou ofertas doutro tipo que inclúan á xente que non somos empresarios? Tentará algunha asociación con moitos membros (cultural, deportiva, de veciños) seguir o camiño das acia e facer algún convenio semellante? Non sei ata onde chegará o proceso, pero no mundo en que vivimos, pode desenvolverse de moitas maneiras.
E, unha cousa que non puxen no título, pero tamén nos afecta a todos:
Aínda que sexa algo sabido, non está mal lembrar que se Repsol fai unha rebaixa é porque pode facela, é dicir, porque aínda así segue a ganar. Ou, o que é o mesmo, estamos pagando un sobreprezo, coido que inxusto.
A lembrar: a unión fai a forza... hai que traballar a unión.
Recollido de http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d8/Tanke.JPG/1024px-Tanke.JPG

Ningún comentario: