Medias verdades, como moito.
A pasada semana, apareceron enchendo os buzóns os primeiros panfletos dirixidos específicamente ás eleccións municipais. Entre verdades de pleno, aparecían as medias verdades, por non dicir sinxelamente tamén as mentiras. Case coincidían ademais no tempo coa nova nos xornais de que este ano as subvencións directas a partidos por resultados electorais van baixar un pouco respecto á vez pasada en Galicia, pero, mira ti, aumenta a cantidade de cartos que os partidos pode empregar nas eleccións.
Coido que é sabido que á propaganda de promesas electorais por istos lares non se lle fai moito caso (ou si), fartos xa de incumprimentos ou máis aínda, de anuncios de decisións contrarias a partires do día seguinte das eleccións. Pero non se trata aínda diso, senón de alardear do bo que é o equipo antesaínda de que comece a liga, polos resultados de ligas anteriores, aínda que calquera que revise as novas poda ver o contrario.
Como para mostra chega un botón, algunha cousa que pon o folleto do PP. Comeza dicindo que Ribadeo recibiu un investimento de 65,8 M€ da Xunta de Galicia nos últimos seis anos, e remata dicindo que Ribadeo recibe máis inversión directa da Xunta que do propio concello: 65,8 fronte a 54 millóns de euros. Primeiro, os últimos seis anos dedúcese do folleto que son 2009-2015, co que de últimos seis anos, nada: son 7: 09, 10, 11, 12, 13, 14, 15... pero iso é só un detalle de suma. A elección de seis e non de 4 ou ouito anos, períodos máis axustados ós mandatos municipais, é un misterio para min.
Continuando, as cifras totais que ofrece poderían poñerse como
Agora ben, no mesmo texto confunde e tenta aclarar ó tempo que se trata de gasto, non de inversións... obviando polo demais cousas como o financiamento ou misión dunha e outra entidade no ordenamento actual, por non dicir que, se 'a Xunta gastase moito en Ribadeo' sería en detrimento doutros lugares nos que gastaría menos, establecendo unha diferenza da que o criterio sería... quizais o clientelismo?
Por casualidade, teño gardados os audios da inauguración da estación depuradora de augas residuais de Ribadeo (EDAR) nos que aparece (como destaco na entrada que resino) que o custe total de instalacións e mantemento nos primeiros 20-25 anos está en 18,5 millóns de euros, sendo esta unha cifra non fixa, pois falouse de cifras diferentes para cousas parellas. No panfleto 'informativo' podemos que a principal 'actuación' (tanto que aparece como case 1/3 do total da inversión xunteira) é precisamente a Estación Depuradora, con... 19 402 377 €. Repito, é do 2011, e as cifras corresponderían ós primeiros 25 anos, é dicir, ata o 2036, e non ós 6 anos pasados.
Ben, por casualidade estiven días pasados lendo un libro, Educación democrática ou barbarie, que non me gusta demasiado, pero que ten táboas e datos moi aproveitables. Por exemplo, aporta o dato referido a 2013 de que a capacidade de gasto de comunidades autónomas españolas en relación a corporacións locais era de 35 a 13. É dicir, case o triplo. Pero resulta que no referido a Ribadeo, o panfleto do PP destaca que a xunta investiu un 22% máis que o concello... é dicir, estaría nun nivel de gasto en Ribadeo abondo inferior ó que lle correspondería nesta entidade local. Non me vou estender en que o libro fai un estudo da inversión relativa da Xunta nos concellos segundo a 'cor política' que ostenta o mando neles e a 'cor política' que ostenta o mando na Xunta...
Ningún comentario:
Publicar un comentario