Dicir que o Ministerio de Fomento non executa obras cos seus medios. Contrata todo con empresas. Teoricamente fai a supervisión das obras. Logo demostrarei, que nin esa vixilancia se realiza correctamente.
Voume referir en especial , o que Fomento fai na provincia de Lugo, tanto nas estradas nacionais, coma nas autoestradas, da súa competencia. Porque hai unha diferencia enorme, respecto o que fan as provincias limítrofes, como son Asturias, A Coruña e León, por onde limita por exemplo cas Autoestradas.
Cando un viaxa pola autoestrada ou por a N-VI dende A Coruña cara a Lugo , atopase que o chegar o limite de provincias , no concello de Guitiriz, ocorre o seguinte : na zona de A Coruña está feita a limpeza con desbroce mecánico (con desbrozadora), e na de Lugo con herbicida total. Facendo dúas aplicacións por ano , pulverizando cunetas, beirarúas e as partes baixas dos taludes. Este mesmo procedemento se repite nas estradas nacionais, por toda a provincia de Lugo. Asi o podemos ver na N-VI, na N- 634, N-642, N- 640, etc, etc, por toda a provincia, nas estradas da súa competencia. Seguindo cara a Asturias, o chegar o limite de provincia isto volve a cambiar, e aquí se desbroza. O mesmo ocorre en dirección a León. En Fomento declaran a Lugo provincia independente. ¡¡Por algo se comeza…!!
Pero para mal, nisto en concreto.
Mapa recollido da gl.wikipedia.org |
Inversións contraditorias
Fomento realiza inversións contradictorias. Vexamos: Cando executan as Autoestradas, para fixar os taludes novos , gástanse miles de euros sementando herba, con maquinaria especial de proxección e sementeira, misturada con un pegante especial, para que se quede alí retida, ata que enraíce, xa que non se pode facer manualmente. Logo cando esa herba nace e medra, xunto con outras espontáneas, para suxeitar os taludes, vai e aplícalle herbicida pola base para que se veña abaixo cando chova. Vostedes entenden ós técnicos de Fomento?. Pois aínda o entenderán menos se lles digo, que na Administración central, hai outro ministerio que ten competencias en medio ambiente. Este debería apoiar o que leva o seu nome e a sostibilidade do mesmo, e o outro “fomenta” a destrución do anterior e sobre todo fomenta o mal exemplo do que non se debería facer. Neste apartado Lugo destaca polo negativo.
As Deputacións de Lugo e a de A Coruña desbrozan as súas estradas, e non aplican herbicidas. Estradas de competencia da Xunta de Galicia tamén comezaron con herbicidas fai dous ou tres anos. Os concellos de momento tamén desbrozan. Volvendo a Fomento, non queda aquí a cousa, hai máis en negativo. Na parte alta que fan desbroce nos taludes, seguimos na provincia de Lugo, como non os realizan ca frecuencia adecuada, as distintas plantas e árbores que medran aí, son tan grandes e as ramas tan gordas, que cando as cortan as deixan tiradas nas cunetas, e nas taxeas, obstruíndo estas e impedindo que circule a auga. Ou sexa todo o contrario do fin que se debería perseguir. Gástanse millóns de euros para facer este mal traballo. Contratan empresas e lles pagan para destruír , contaminar e atrancar as cunetas e taxeas. Traio aquí o que dicía o principio, onde está o control por parte de fomento dos traballos realizados polas empresas. Miren como están as cunetas no tramo, por exemplo no tramo de a Veiga a Ribadeo. Ou na saída de Meira a Lugo a esquerda despois da gasolineira. Eso non é cuneta, é un almacén de leña.
Rotondas, taludes e áreas verdes
Outro exemplo, na rotonda da Vilavella, a cuneta onde desemboca o rio que ven de Ove, está chea de maleza dende hai anos, así como o entorno desta rotonda ca circunvalación. Podería seguir así varias páxinas máis, que material hai, pero sería de nunca rematar e cansaría ós leedores. Por non falar das árbores que deixan medrar nos taludes, como pinos, eucaliptos, e outros. As rotondas en xeral están mal coidadas. Se limita Fomento a facer 2-3 cortes o ano, sen ningún tipo de planta ornamental, de distintas especies e cores como teñen algunhas cidades ou algúns concellos. En algún caso deixan medrar tanto a maleza nas súas rotondas que impiden a visibilidade os condutores. Os responsables de fomento non teñen a máis mínima sensibilidade ó “verde”, á limpeza e ó medio ambiente. Feitos falan. Circulen e vexan o que fan por exemplo no Pais Vasco. O mal e pouco traballo que realiza Fomento no mantemento das estradas da súa competencia e lamentable. Taxeas atascadas de terra e pedras. Lixo de todo tipo nas cunetas, sinais rotas ou arrincadas. Vexan senón o tramo de Ribadeo á Veiga. Esos chantos brancos de 1 m de alto, situados a distancia de entre 10-12 m a ámbolos lados da beirarúa, cantos están rachados, tirados ou que faltan. Se xa sabían que non os ían repoñer, para que os colocan?. Ademais estorban para o desbroce. É lamentable.
Cando pasen polo tramo de autoestrada, o último que se abriu en Galicia, entre Lourenzá e Abadín, fíxense no entorno da saída de Pastoriza – Riotorto, onde fixeron unha superficie verde, plantaron abondas árbores con alturas de máis de 3-4 m, pero colocándolles titores de madeira de pino demasiado delgados e tan só de 1-1,5 m de alto. Consecuencia, que esas árbores están arqueados, por ser o titor baixo e débil para ese porte, e varias están secas. Iso que a plantación debería saír adiante, pois foron plantados a finais do inverno.
Pero os traballos foron mal feitos. Falta de terra vexetal, malos titores e mala inmobilización do titor ca árbore. Vai facer un ano que se abriu este tramo, pero non se fixo mantemento ningún nesta zona verde.
Falta de mantemento das estradas e das autoestradas
Fixémonos de novo nos tramos galegos. O pouco mantemento que se fai, tan só está restrinxido a aplicar herbicida nas beirarúas, cunetas e base de taludes, e moi pouco desbroce mecánico nesta franxa. Pero se nos fixamos un pouco, dende aquí para fora, poderemos ver como a malla de peche está cuberta de maleza de todo tipo, como toxos, xestas, silvas, codesos, salgueiros en zonas molladas, pinos, eucaliptos, etc, etc, de tal maneira, que o peche na maioría do percorrido está cuberto por dita maleza. Esto que supón? Que tanto a malla como os chantos que a soportan, o estar nun ambiente “húmido”de forma case permanente, co que chove en Galicia, isto da lugar a unha oxidación rápida do material, ó non secar por falta de ventilación e de luz. O mesmo tempo non se pode facer unha revisión do estado de conservación do peche, e isto traerá consecuencias para a seguridade da estrada, ó ser cada vez máis vulnerable a entrada de animais na vía. Ó non limpar o peche no seu debido tempo, agora non se pode facer con maquinaria, pois non se ve por onde vai, e se rompería tanto a malla como as máquinas. Non atoparían empresa que quixera facer este traballo. Poderíase facer manualmente, pero saería moi caro. E iso sabemos que non se vai facer. Isto traerá roturas nas zonas de vaguadas e pasos de regatos, as máis vulnerables, por onde entrarán animais salvaxes de todo tipo, e mesmo domésticos, que aumentarán os accidentes. Ata que volvan os accidentes con mortos non se fará nada. Como pasou o ano pasado na data de 26 de xullo no alto do Fiouco, cun morto e varios feridos. Despois empezaron as melloras de seguridade, despois da morte da rapaza de Foz.
Aínda quero anticiparme a resaltar outra cousa máis, que traerá consecuencias para o futuro. Non se están a cortar ou arrincar as árbores que nacen nos taludes, como eucaliptos e pinos principalmente, que medran a unha velocidade, no caso do eucalipto, de máis de 1,5-2 m por ano, pero que enraízan mal por falta de solo, e que cando teñen por enriba de 10-12 anos quedan expostos a ser derribados por ventos fortes na estrada, con risco de accidente grave, tendo en conta a velocidade que se circula.
Podemos concluír, que o mantemento que fai Fomento das estradas é malo ou moi malo, tanto para a seguridade das persoas como para o medio ambiente. Non vou entrar do mal gusto que teñen no coidado das zonas verdes das rotondas. Mal segadas e sen plantas ornamentais. Que se fixen nas estradas do Pais Vasco, das Francesas, Inglesas, etc. Somos os da cola de Europa. Os Portugueses as teñen mellor coidadas ca nos, e son máis pobres en renda.
Para rematar, voulles a contar unha anécdota que me sucedeu ca Garda Civil de Tráfico. Estaban parados ó lado dunha rotonda. Achégome para dicirlles que había cerca de alí onde estaban eles un indicador de Stop derribado, desde facía algúns días, e que iso podía ser perigoso. Gracias, me responderon, pero no nos fale vostede de Fomento, non hai organismo que peor traballe. Non fan mantemento ningún. Se o saberemos nós que andamos tódolos días polas estradas. Saquen as súas conclusións, e que non lles pase nada cando volvan a saír ás estradas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario