20150425

Ríos con vida, por Mark Adkinson

AVV O Tesón
Nota de prensa
Ciclo visións do medio ambiente
Onte venres tivo lugar a terceira e última actividade do ciclo da AVV O Tesón "Visións do medio ambiente dende Ribadeo", a charla de Mark Adkinson sobre “A pesca recreativa como fonte de ingresos sostibles”.
A charla dividiuse en tres partes, unha primeira, a presentación de AEMS Ríos con Vida, na que usou un vídeo para ilustrar a actividade da asociación, pasando logo a poñer en consideración un exemplo da valoración económica do coidado dos ríos e a pesca sen morte nunha zona dos EEUU con certa semellanza con Galicia, para finalmente, nun ambiente totalmente distendido, abranguer diversas cuestións relacionadas co tema e con Galicia, comezando polos métodos e as orientacións precisas de accións.
Quizais, se tiveramos que procurar unha sentencia que resumira a charla, sería algo así como “Moverse a favor do medio ambiente rendibiliza a nosa vida”: Está claro que produce rendementos económicos, e que non deixa de ser un alicerce, pero o motor principal non debe ser ese, senón o propio sentido conservacionista do noso entorno e nós mesmos, e que non é só unha necesidade, senón tamén unha fonte de satisfaccións.
Entre outras cousas, como as diversas accións xudiciais en marcha para que as eléctricas cumpran a lei, ou a intervención para lograr que a lei contemple o medio, cristalizou a posibilidade de 'adoptar un río', o que se estudará potenciar en Ribadeo a traverso dos centros de ensino.

Ningún comentario: