20150407

Tras a Semana Santa e antes de maio, unha experiencia

Despois da Semana Santa, as apreciacións esperadas: Ribadeo é a leche, milleiros de visitantes e exhibición de cooperación concello-hostalería. Mentres, de cara a maio, os partidos van completando, e dise que os dous partidos que faltan por anunciar candidatura, PSOE e Cidadáns, xa a teñen completa, co que tamén cidadáns se presentaría.
O 'non partido', a Agrupación de Electores, Ribadeo en Común, paseniñamente, ás caladas, vai poñendo traballo e completando fitos. A día 6 pola noite, é dicir, tras cinco días de ter indicacións de como recoller as sinaturas de apoio, os avais, e a falta de dez para que quede tempo para as tarefas administrativas de presentación de avais, van recollidos 2/3 dos 500 avais necesarios, ó tempo que a formación está en proceso de primarias. O domingo cerrouse o prazo de presentación a candidaturas, e mañá comezarán as votacións abertas, con listas de votantes xa estáticas. Vese o final do proceso que levará ás votacións municipais á formación, nun camiño que supón traballo duro, pero tamén difusión do que se pretende, recollida de xente para o traballo, e ir descubrindo o futuro pouco a pouco.
É unha experiencia, está a selo, formar parte dun movemento así. Non só por cousas como facer parte dunha mesa de recollida de avais e ver o medo dalgunha xente expresado na cara ó pasar por diante (medo a ser identificado con Ribadeo en Común, que non medo ó que faga Ribadeo en Común), ou por recoñecer sentimentos de xente que se achega a avalar, ou que avala pero na intimidade, sen achegarse a unha mesa. Non, non só por iso, senón pola experiencia do traballo de organización política compartido entre xente moi diversa, que chegou á agrupación dende ideas diferentes, con xeitos diversos, con expectativas de futuro que se foron confrontando... ata chegar ó conxunto que é hoxe, heteroxéneo pero coordinado, en cooperación, facendo participación. Por iso, pase o que pase, estas eleccións municipais serán diferentes.
Collido de https://upload.wikimedia.org/wikipedia/gl/b/ba/Ribadeo.png

Ningún comentario: