20150401

Unha curiosidade: propaganda institucional en Ribadeo

Fai moita propaganda institucional o concello de Ribadeo? Aprovéitaa o equipo de goberno para facer propaganda partidista?
Son algunhas das preguntas que teñen relación coa propaganda institucional e ás que se ten dado resposta dende diversos puntos partidistas, tendo en conta que o servizo de xestión de novas foi contratado hai non tantos mandatos, e que a web do concello, onde agora tamén se publican, comezou aínda despois.
De cara ás próximas municipais, dun xeito ou outro, máis tenue ou máis claro, ha voltar saír o tema da propaganda institucional. Certo que os temas tratados nas novas do concello son do máis diverso, dende os de interese informativo ata os que se poderían clasificar de só propagandísticos, pero dende a intrusión dos estados nas comunicacións é algo popularmente coñecido que cada dato pode ser importante, pero que o conxunto de información xeral sobre os datos é tan importante como os mesmos datos. E unha das informacións sobre as novas, neste caso, pode ser o número de novas que se producen en cada momento. Tamén é certo que non só se producen novas do concello cando libera unha nota de prensa, pero o certo é que parece que hai unha correlación abondo boa entre ambas cousas, as notas do concello e o número de veces que sae unha nova relacionada co concello nun día determinado, ou mesmo coa frecuencia que sae a foto do alcalde.
Dende o 1 de abril de 2014 ó 31 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos, o concello liberou 253 novas, ou sexa, 0,69 novas diarias, ou 1 nova cada 1,44 días. Boa parte dos días non houbo novas, pero outros houba ata catro.
Pero máis que a media, coido importante a distribución. E vese que antes das europeas hai un pequeno repunte, sendo o seguinte repunte a comezos do verán. E os descansos, xusto despois das europeas un anaco planiño, e outros dous antes das vacacións e despois das patronais. Por meses, xaneiro/febreiro son os de menor intensidade de novas.
O que pasará agora, de cara ás municipais, saberémolo pouco a pouco e só significará incrementar as gráficas un par de meses máis, aínda que poden dar indicacións máis valiosas.
Deixo embaixo as gráficas. A primeira, o número acumulado de novas de de o 1 de abril do ano pasado ata onte mesmo. As outras dúas, as novas que foro datándose día a día en dous formatos diferentes, para poder facerse mellor á idea entre tanto dato.



Ningún comentario: