20150405

Unha mini enquisa ós visitantes: resultados

Hai poucos días daba carpetazo ó seguemento do lema da última campaña publicitaria de Ribadeo en internet, coa conclusión clara de que, a pesar do triunfalismo, foi equivalente a tirar os cartos. Xusto ó día seguinte, a resultas de que Ribadeo está cheo polos turistas en Semana Santa (cousa que se nota dende o 100% de ocupación hostaleira a sinxelamente andar pola rúa con pleno), atopo que o alcalde relaciona nas redes sociais a masiva visita coa campaña.
Así pois, onte pola mañá, de paso polas ateigadas catedrais (como amosan as fotos), ocorréuseme facer unha pequena pesquisa: preguntar ós grupos de visitantes que se achegaban ás escaleiras unha pregunta sinxela: teñen escoitado falar da campaña 'ribadeoporquesi'?
De certo, a 'minienquisa' non foi moi representativa por varias circunstancias, pero deixo aí que as enquisas electorais en Ribadeo en xeral fanse participando menos cantidade de xente local... A cousa non foi moi longa (só uns minutos), nin extensa (unha pregunta con contestación sinxela, aínda que moitos engadían cousas como 'que é iso' ou 'que campaña?' na súa resposta), nin como xa dixen representativa: corenta grupos de xente, o que supón un total de algo máis de 100 persoas, cousa do 1% dos visitantes previstos para o día, despois de pasar de 14 000 en datas semellantes o pasado ano. Pero o resultado foi contundente: ninguén escoitara falar da campaña.
Polo tanto, desfrutemos coa bonanza de visitantes se o vemos oportuno, pero haberá que aprender algo a deseñar campañas de promoción de Ribadeo, se se estiman convintes (en troques de tirar os cartos), e tamén a medir os resultados para seguir mellorando. Porque a cousa ten máis liñas a seguir. Por exemplo, a pequenez da rotonda na estrada nacional. A ninguén se lle ocorreu que é máis doado, en caso de dúbida de para onde continuar, tomar a primeira saída da rotonda (neste caso, cara Foz) con preferencia á última (neste caso, cara Ribadeo)? Ben, a cousa quizais non está clara, pero se se para un a observar cara onde toman os coches que saen do acceso ás catedrais ó enfocar a rotonda da estrada nacional...



Ningún comentario: