Foto 1: a zona de pegada de carteis está preparada. Os tablóns dispostos están cochos, con restos. O lixo diante di ás claras algo como 'isto é unha merda', podedes botar aquí o voto. Doutra parte, obras. Neste caso, unha obra privada que leva ocupada a vía longo tempo. E os seus restos. Mais no fodo, descúbrese Ribadeo. Hai saída verde, aínda que saibamos que na outra zona do parque, agora mesmo, estase recortando verdor e asfixiando as árbores polas raíces. Si, máis aló das eleccións, Ribadeo segue.
Foto 2: provisionalidade diaria. Os rapaces foron forzados a deixar o cantón, e habilitóuselles un lugar cerrando o paso ós peóns. Un campo, que ben!. Un campo de pedra nado para non se sabe moi ben que, queda no medio da nada da que foron expulsados. Non corras e xogues coa pelota polo parque, neno. Non vaias ó cantón, que molestas e xa non hai lugar para ti. Non pases para a outra beira do parque, que está en obras! Mira que recadro tan chulo, se ata ten porterías e podes xogar ó baloncesto. Procura non caer, por se te fas dano... Por aquí saen os concelleiros dos plenos.
Foto 3: de Ribadeo ó ceo. A Torre dos Moreno e o edificio de Ibáñez, o novo edificio en antiga zona verde, os curutos de palmeiras... todos miran ó ceo. Con nubes, obscuro á dereita, con nubes e claros no resto, parece indicar que por riba das nosas cabezas, aínda que se vexa cambiar de momento a momento, e se saiba que todo permanece igual, queda a esperanza da choiva e o Sol. Con ou sen eleccións, a choiva hai que aproveitala para vivificar, e o Sol, para medrar. Algo que sabe quen queira cultivar o futuro. Todos nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario