20150516

A convivencia como asunto de parroquia

A maioría da poboación de Ribadeo está no pobo. Era algo certo a comezos de século e dende aquela non fixo máis que aumentar a diferenza. A concentración segue aumentando, e as parroquias son descoñecidas.
Coido que as frases anteriores non necesitan moita aclaración. Á maioría do Ribadeo-vila, se se lle pregunta como ir a Cedofeita, cando menos, dubidará. E é Cedofeita a orixe desta entrada.
Primeiro, algún dato: Cedofeita (184 hab. en 2004 segundo o censo do 2004) atópase entre as parroquias de Arante (ó oeste), Covelas (ó norte, Río Grande mediante), Vilausende e Couxela (ó leste), limitando polo sur coa parroquia de Valboa, en Trabada (por certo, fronteiriza da diócese de Mondoñedo-Ferrol coa de Oviedo, pois Trabada está dividida entre ambas).
Na parroquia a poboación envellece e diminúe (9 habitantes en tres anos, isto é, preto do 2% anual, entre os dous censos citados na entrada). Aínda que hai casas renovadas, e mesmo algunha nova, nos últimos sete anos pódense contar cos dedos dunha man os nenos nados de familias censadas en Cedofeita. E sobran dedos: en todo o val de Cedofeita (unha das dúas zonas de poboación, parte do val do río Grande, a outra é Piñeiro, nas ladeiras que verquen ó rego de Ferreira, mirando cara a Trabada), houbo un nacemento nos últimos sete anos. Ou sexa, a media de idade vai medrando case a razón de un ano por cada ano que pasa. 
Por certo, en Cedofeita non hai taberna-café nin polo tanto onde comprar víveres, logo depéndese do coche.
As vistas do val cara ó Mondigo, ó norte, son espectaculares. A tranquilidade invita... Hai a antiga escola (e xente que a lembra rebosante de xente), unha pista deportiva que se usa máis para baile ou aparcamento que para deporte... e, á súa beira, unha pequena construción e unha carpa permanente.
Resulta que hai uns anos, a asociación de veciños Santa María Magdalena de Cedofeita conseguiu unha pequena subvención, e con algún xubilado que sabía do tema, e máis brazos, puxéronse mans á obra para lograr un pequeno local social en terreos de todos (a traverso do concello). A cousa foi fraguando, e hoxe unhas 20-30 persoas, unha parte substancial da xente do val de Cedofeita, os venres ten cea conxunta. Churrasco ou traendo das casas, ou mixto, cousas a escote, e convivencia. De xeito que se forma comunidade e, agora, nas eleccións, a opción non pasa por falar ou facer algo estilo mitin, senón por procurar o grupo na cea dos venres, xuntarse a eles e convivir.
Pouca cousa, verdade? Quizais unha indicación de como deberan ser as cousas en política co contacto co pobo, unha volta que se deixan á parte temas clientelares e outros que poden desvirtuar a visión bucólica.
A pista de Cedofeita, co Mondigo ó fondo... e máis cousas

Cedofeita en Ribadeo, limitando con Trabada, collido do mapa que aparece na web do concello.
Máis datos sobre Cedofeita, en http://ribadeo.gal/interior.php?txt=arbore_web40&lg=gal:
"Cedofeita
Cedofeita está situada na área central do sur do municipio, lindando ao norte con Covelas, ao sur co concello de Trabada, ao leste con Santalla de Vilasusende e Couxela e ao oeste con Arante. O río Grande, no que desauga aquí o regueiro de Queixoiro, sérvelle de fronteira natural nalgunhas zonas con Covelas mentres que, xa no sur, o rego de Ferreira fai o mesmo co municipio de Trabada.
Cunha superficie de 7,17 km2 e unha densidade de poboación de 24,4 habitantes/km2, Cedofeita suma 175 habitantes (INE 2007) en 11 entidades de poboación: Barreiros (12 habitantes), A Currada (26), A Igrexa (12), O Pedregal (7), A Ponte (abandonado), Requiande (34), Santo Antonio (6), Teixido (15), A Trapa (10), Queixoiro (7) e Piñeiro (46). Formando parte dalgunha destas entidades están tamén os lugares do Burgo, A Granda e A Torre.
Cedofeita é unha parroquia montañosa, con numerosos vales, na que se alcanza unha altitude máxima de 426 metros.
Algo de historia
Segundo Amor Meilán esta parroquia sería a antiga Cito Facha que xa figuraba no cambio feito polo bispo Paio de Cebeira co rei Afonso IX no ano 1202. Tivo o seu momento importante no século XIX, cando coas parroquias limítrofes crearon o concello de Cedofeita, independizándose así do municipio de Ribadeo. Non obstante, esta independencia durou pouco tempo xa que a integridade territorial do municipio de Ribadeo foi restaurada pola Xunta de Goberno da vila en 1843.
Equipamentos
Escola de Cedofeita
Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet.
Teleclube de Piñeiro
Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet.
"
Unha nota xa atrasada: o censo das parroquias a 2001 (non puiden atopar os datos posteriores) para Ribadeo

Ningún comentario: