20150501

A política de Ribadeo a traverso de radio Burela

Onte, o programa Parolando, de radio Burela, abrangueu tamén a Ribadeo. O programa pretendía presentar nas ondas ás novas formacións que se presentan ás municipais 2015 na Mariña. E chamaron a xente de Viveiro, de Alfoz, de Foz e de Ribadeo.
Os de Viveiro non se presentaron, alegando, dixo o presentador, motivos laborais e de tempo. Non sei se en toda a formación non puideron sacar alguén para ir.
Foz Plataforma de Futuro presentouse, ó meu ver, como unha formación nova con xeitos tradicionais, incluído a acaparación de tempo de emisión. No único que estimo marcou diferenzas co partido tradicional foi cando falou de que se propuxeran recoller 500 sinaturas como condición para presentarse, tentando igualarse á recollida de sinaturas por parte das agrupacións de electores. E, en relación a iso, a parte dalgún detalle máis como que nada se sabía antes do tema, cabe sinalar que é abondo diferente recoller sinaturas que recoller avais con copia do DNI, formatear o conxunto e someterse á certificación.
VIA, os veciños independentes de Alfoz, si era unha agrupación de electores. Pero como Alfoz, ó contrario de Ribadeo, baixou algúns habitantes e por iso queda por baixo dos 2000, chegou con 25 avais (de feito, sobraron avais), menos de vinte veces menos que Ribadeo en Común, o que á forza marca diferenzas.
E Ribadeo en Común, ReC.
O cartel en chave cos 17 candidatos en orde, contiguas a primeira e a última da lista indicando igualdade (non aparecen no cartel os suplentes)
Por ReC estiveron na radio Maví e Mario, os dous primeiros candidatos da lista de Ribadeo en Común. Coido que a novidade de ReC quedou patente en cousas como que o presentador seguir falando de 'partidos' ata o final, en troques de contemplar as agrupacións de electores cunha expresión máis amplia, ou que unha pregunta fora sobre o 'e ti máis' cando se fixo fincapé nun método propositivo e non de confrontación, ou que se falara de líderes ou da 'persoa' que se moveu para sacar adiante a constitución do grupo, ou que se falara de como se ía conectar coa cidadanía cando o que se trata é de que a cidadanía conecte de xeito directo coa política...
As fotos amosan tres momentos do longo programa (máis de hora e media, aínda que moito menos de media hora falando os representantes de ReC) que coido poden se ilustrativos: en dous deles, o presentador mira para a súa esquerda: están falando representantes de Foz.
Na última foto, a traverso da fiestra do estudo de gravación, pretendo ter un efecto semellante ó da transmisión: tomar conciencia da distancia para enxuiciar. E, nese sentido, enxuiciando, coido que para ser a primeira vez que se presenta para ReC unha situación así, en directo, o resultado foi positivo. Hoxe, venres 1º de maio, un día simbólico, é a presentación da candidatura de ReC, a última candidatura que se presenta das que competirán o 24 de maio en Ribadeo.
Mentras falan os demais, escoitar, tomar nota, pensar

Cando un fala, o outro, atento

Tamén houbo momentos distendidos
Candidaturas Ribadeo 2015:
PP
BNG
PSOE
Ribadeo en Común (ReC)
Ciudadanos
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións


Ningún comentario: