20150515

Cara a cara? (E un xamon!)

Onte debeu saír no xornal el Progreso (aínda non o vin...) cada un dos candidatos número un das listas electorais de cada formación ó concello de Ribadeo. Hoxe haberá un 'debate cara a cara' ás oito da tarde no cine teatro promovido pola Voz. Naturalmente, un pequeno acto nunha parroquia (Cedofeita, escola) ás nove da noite queda totalmente apantallado nos medios polo 'acto principal'.
Sorrín para min ó comprobar o que puxen no primeiro parágrafo, para poder explicarme dun xeito correcto. E é que as verbas xa están adaptadas a unha realidade que todos din querer cambiar (eu tamén) pero, se pretendes cambiala, tes unha das primeiras barreiras (e hai moitas) na mesma lingua.
Xamón no parque. Tomada hai algún tempo dun xamón abandoado alí.

Así, se pretendes que haxa participación, tes que comezar por procurala na mesma agrupación coa que te presentas. E, se te presentas de número un, xa és 'o candidato' (ou candidata), como se o resto da lista non foran tamén candidatos. Dirase: ben é que son 'os candidatos á alcaldía'. Resposta: unha volta no concello, un grupo non pode presentar á alcaldía alguén diferente do cabez de lista? Non é técnicamente posible? Que pasaría pois se un grupo presentase os seus 17 candidatos en orde de apelidos? Logo, 'candidato número un', non sinxelamente 'candidato', aínda que comecen a entrar no consistorio polo 'número 1'.
Listas electorais de cada formación. Ben, podería ser substituído, ó ser listas cerradas, polo nome da formación, ou mesmo, despois do dito antes, polo nome do cabeza de lista. Para que gastar tanto papel? Que se saiba, só houbo primarias en ReC, aceptando pois o principio de que o cabeza de lista vese como candidato á alcaldía. Pero, despois diso, con lista cerrada obrigada, e entrando por orde de lista, chegaba cunha papeleta que puxera ReC, ou Ribadeo en Común, co logotipo elixido. É dicir, por imperativo legal, semellante ós demais partidos. E paso logo ó tema de 'cada formación'.
O pobo, pedindo a residencia diante da Casa do Concello
Dende que hai unha agrupación de electores, xa non é válido dicir 'partidos', porque non corresponde. Máis é o 'usado universalmente'; o que os electores nos agrupemos para ter representación non está ben visto nin contemplado na lingua. Algo así como un "é minoritario ata o momento, que siga a selo".
Co anterior, case non me queda tempo para o 'cara a cara' desta tarde. Cara a cara con quen? Pois 'entre os candidatos', claro! Como diría o outro, 'como non pode ser doutro xeito'... Non cara a cara coa cidadanía, con cada un de nós. Sería moi farragoso? Home, ó fin, é unha mellora patente fronte ós tradicionais mítins que non son máis que arengas desprovistas de sentido máis aló de exacerbar algúns sentimentos. Deixémolo aí, que o tempo pasa, e non quero privar a ninguén de tempo para achegarse esta tarde ó cine teatro a ver e escoitar (a iso quedará limitado) 'ós candidatos'.
... por certo, as fotos xa síron con anterioridade en ribadeando, e é que Ribadeo ten facetas que ás veces se esquecen, como que o pobo pode participar, mesmo impulsar...

Ningún comentario: