20150523

Chegou o día da reflexión. Dous modelos de desenvolvemento, dous modelos de actuación

Coas diversas actividades desenvoltas onte por Ribadeo en Común no Cine Teatro de Ribadeo, onte deu fin a campaña electoral na nosa vila. Hoxe tocaría reflectir por mandato, como se os demais 1460 días do período cuatrienal tiveramos que deixar a reflexión para outros. Coido que é un modelo, este de 15 días de propaganda-1 día de reflexión-1 día de actuación-moitos, moitos días de anulación que a máis de non ser nin lóxico nin xusto, anula á persoa, a nós, na nosa dimensión social. Formar sociedade é participar na sociedade.
Ben, despois das xornadas de propaganda (intensa a nivel estatal, máis diluída a nivel local), asumamos o rol de reflexión na práctica (o que se nos pide é algo máis de reflexión teórica, pois a expresión sería tan só a deposición dun voto nunha urna). E, para reflectir na práctica, podemos tomar dous casos de desenvolvemento local que se superpuxeron ás propagandas electorais, sinxelamente para comparar, avaliar e mirar cara ó futuro.
Países destino dos barcos dos asteleiros Gondán
Cada caso ten as súas luces e sombras, e non me vou estender sobre eles máis aló dunha presentación inicial. Tanto por que xa teño unha idea formada e con seguridade non sería imparcial, como porque na rede hai abonda información.
Os dous casos son a cesión da casa do faro da Illa Pancha para hotel e a entrega dun novo barco de Gondán, un veleiro de instrución para a Real Mariña Británica, o TS Royalist, de 6,75 millóns de euros de custe.
No primeiro caso, a primeira nova que puxen no blog sobre o hotel na illa Pancha data de agosto do ano pasado. O faro e o edificio estivo en uso entre 1860 e 1983. Na última tempada saiu algunha cousa máis nos medios e nas redes, en particular cando se fixo patente que a concesión estaba vista para sentencia. Trátase dun hotel aproveitando o edificio do antigo faro, con dúas habitacións e unha cafetería. Apunto que na actualidade a illa segue sen poder visitarse por estar cerrada (teño estado no alto do faro en grupo, en visita escolar), e isto faría posible que quen poidera pagalo (a noite falouse de 150 € por cámara) aproveitara unha illa bonita. O proxecto ten suscitado unha campaña de sinaturas en contra en internet, que comezou coa meta de 200 e xa hai tempo que as sobrepasou (hai outro máis en marcha, pero menos seguido). Mentres, sendo algo público, debera ter sido presentado no concello para alegacións, mesmo polo propio concello. 'Non se sabía' se fora así, e/ou se o concello alegara, pero parece que onte mesmo foi concedido o permiso no Consello de Ministros, e a nota d eprensa incluía "perteneciente al dominio público portuario afecto al servicio de señalización marítima y adscrito a la Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao, cuenta con un informe previo de Puertos del Estado, así como de la Xunta de Galicia, el Ayuntamiento de Ribadeo y la Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar." Adiante pois. Desenvolvemento para a zona? A que custe?
Un apunte para lembranza: edificio de planta cadrada (128 m2) cunha torre no seu centro. O novo faro ten unha torre illada con lanterna de alcance de 21 millas náuticas (39 km).
O outro caso, a empresa xa leva longo tempo funcionando, e os asteleiros Gondán (aquí, un resume sobre Gondán en ribadeando) son xa dende hai tempo internacionais e expandíronse mercando instalacións fora da ría. A súa liña de barcos é impresionante. Industria manufactureira, as grúas impactan dende lonxe, ó tempo que a recollida dos barcos trae a Ribadeo a xente de todo o mundo, e fai a Ribadeo máis internacional durante todo o ano, ó tempo que o leva a aproximarse a tecnoloxía punta. Outro modelo, unha empresa exitosa. A pregunta é a mesma: Desenvolvemento para a zona? A que custe?

Ningún comentario: