Aínda seguen a traer os xornais os rifirrafes dos políticos en diversos lugares, ó tempo que seguen achegando ideas e programas que parecen moitas veces máis sacados da chistera dun mago que de observar as necesidade da xente, e a maioría delas, provocadoras dun sorriso posterior a un pensamento que pode ir dende o 'de que van?' ata o 'outra mentira preelectoral'.
O único antídoto coñecido contra tal estupidez non se vende en farmacias, e parece escaso por estas terras despois dunha ditadura e un cada vez máis férreo control da vontade polo mercado, controlado á súa vez por intereses financieiros.
Collendo unha cita dunha revista sobre municipalismo editada por El Diario, "Quenes son os idiotas? Segundo Pericles, os que non participan no goberno da súa vila e permiten que lles rouben."
Anaco de portada da revista citada. Nela, os grupos de xente van cada un para o seu lado, dun xeito ordenado, pero non dirixido. |
E participar non significa votar, ao menos, non só votar... E non fai falta revisar moito a historia para saber que Pericles sabía de que falaba.
Por certo que o título principal da revista é 'que cidade queremos', que me lembra aquel 'o Ribadeo que queremos', do que se poden producir versións sucesivas, como xa ten saído no blog e seguirán a saír. Lembro neste senso que se presenta ás municipais en Ribadeo unha agrupación que fai bandeira dun programa aberto no tempo, en contacto coa cidadanía, algo diametralmente oposto á falta de programa que significa un folleto inchado con todo tipo de promesas propostas.
Despois do cuarto quilo de propaganda electoral que recibimos na casa, collo ó azar algún apartado dalgún dos partidos:
"Construiremos un campo de fútbol de herba artificial (...)
Actividades de lecer para mozos
Crearemos pistas de atletismo e campo a través
Potenciaremos e apoiaremos a:
-Escolas deportivas
-Equipos deportivos de Ribadeo
Crearemos foros deportivos."
Si? alqueń pode traducir en 'realidades o que di ese anaco de programa? Que promete, en concreto, este partido neste apartado?
Podería seguir con outros apartados do mesmo programa, ou dos outros. Uns explican con máis acerto, outros teñen medidas máis concretas, outros, máis factibles... pero, o desenvolvemento electoral actual fai que como moito, a cousa remate coa célebre sentencia do rei Sol: 'todo para o pobo, pero sen o o pobo'.
Para cambiar, participar. Por certo, o mesmo partido do apartado comentado non ten nada sobre impulsar a participación cidadá. E o único partido dos que teño propaganda do programa electoral que menciona a participación cidadá, adícalle o título dun apartado, que non o contido e afirma de xeito implícito que xa a hai (cando leva negando a súa estrutura xa moitos anos).
Xa vai abondo escrito, non me vou meter por hoxe no 'actúa localmente, pensa globalmente', que aínda hai pouco teño escrito sobre o absurdo do lixo electoral.
--
Anteriores sobre as eleccións do 24 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario