Por partes. Hai canto tempo que non ves 'en vivo e en directo' a illa Pancha? É importante para ter conciencia que está aí, que é real, algo máis ca unha abstracción que manexar nas redes sociais como un xogo de rol.
Punto seguinte: Embaixo, unha toma do SIGPAC, un servizo oficial de cartografía española na rede. A toma é en marea baixa e vense perfectamente os algo máis de 170 m2 [Nota posterior 1: medidos de xeito aproximado polo sigpac, unha consulta posterior apuntan a unha superficie tapada polo aleiro de 160 m2 , de planta interior ós muros uns 120 m2 , dos que habería que descontar os muros interiores da torre para ter conta do espazo libre,m e ó que habería que sumar un almacén subterráneo de 27 m2] do edificio principal da illa, o que se quere converter en hotel, e máis ó noroeste o faro actual, e fóra da illa, ó suroeste, o templete construído pola escola de emprego. A ponte que pecha o acceso á illa tamén é perfectamente visible, aínda que o seu peche pola parte do continente intúese máis ca verse.
Non está florido, a época da foto non corresponde coa época das flores na illa invadida pola unlla de gato.
A seguinte toma, tamén do SIGPAC, da algo máis de información: A illa está protexida por formar parte da Rede Natura 2000, en zona LIC (LIC río Eo, e próximo o LIC As Catedrais) e tamén en ZEPA (Zona ZEPA Ribadeo).
Outra cousa: Como polo momento o concello cala sobre o informe realizado, pídolle que se faga público, e con el, a postura do concello sobre o tema. O concello, que somos todos, inclúe o goberno, si, pero tamén a oposición. Por algún detalle, parece que ao menos parte da oposición estaría en contra do hotel no faro, pero 'a cousa non está clara', polo que tamén a oposición debera facer pública a súa postura. Vese a Ribadeo en Común participando nalgún dos lugares de apoio á protesta na rede; é de supoñer que tamén teremos novas súas. A AVV O Tesón aínda non emitiu ningún comunicado, pero a súa posición podo dicir que é contraria tamén.
A cuestión dos apoios pasa por unha constatación numérica. Esta mañá, na rede, o grupo (cerrado) 'Por nuestro faro' ten 339 membros. A comunidade 'Illa Pancha non se toca. O noso faro non é un resort', 2716. A petición de sinaturas en Avaaz vai por 895. E hai unha petición xenérica contra a conversión dos faros en hoteis, así como houbo xa algunha manifestación noutros lugares contra o uso hostaleiro dos faros (ver El Mundo/Baleares do 28 de febreiro deste ano, "Convocan una movilización contra la privatización de los faros baleares"). É certo que a implicación de darlle a un 'gústame' na rede, ou a pertenencia a un grupo en Facebook non leva consigo moito, pero pensando no que leva consigo un voto como os que puidemos emitir aínda non hai unha semana, coido que poden compararse. O partido que obtivo a maioría absoluta dos postos no concello recaudou 2887, cifra semellante ó apoio manifestado ata agora polo grupo que se enfronta á conversión do faro en hotel. Polo momento, algo máis que calquera das cifras expostas antes, pero xa con seguridade, menos que as persoas implicadas en algunha das manifestacións anteriores. E aínda que máis lento, a cifra segue a medrar.
Quizais, á vista do anterior, a convocatoria dunha manifestación polas rúas de Ribadeo está próxima, máis aínda despois de ter diversos medios para difundir a información, tanto xornalísticos (por exemplo, a nivel galego, praza.gal con "Illa Pancha: Outro espazo público reconvertido para o lucro privado") como televisivos (ver en lasexta.com "La privatización de los faros, un fracaso del gobierno?", aínda que, como unha das persoas que sae, co dito por min cortado e fóra de contexto, podo dicir que a presentación é tendenciosa).
Posibilidades? Moitas. Só unha pasa por convertirse en hotel. E coido que non a mellor, implicando que algo público sirva a intereses privados e non ó público. É algo pequeno fronte a outras cesións do público que están a facer moitas camarillas políticas. Algo máis e que nos toca algo máis preto.
Glosando algo que dixen para a televisión e non foi publicado, paréceme mal que deixe de ser público,paréceme mal o método seguido, sen comunicación clara nin transparente, e paréceme mal a falta de participación do pobo nas decisións que nos atinxen. Neste sentido, un caso máis.
#IllaPanchaNonSeToca #ONosoFaroNonÉUnResort
[Nota posterior 2: Aínda que non é o tema a discusión sobre o impacto, senón sobre a cesión dun ben público máis -vi á miña cabeza por exemplo o caso da cafetería na praia das catedrais-, nunha primeira conversa co promotor, queda axustado segundo as súas verbas, que o faro non vai cambiar a súa estrutura interna, e que, de calquera xeito, unha oposición debera ter nado hai cousa dun ano, coa publicación da solicitude no BOE -http://www.boe.es/boe/dias/2014/05/30/pdfs/BOE-B-2014-19304.pdf-, e non agora.]
__
Anteriores:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/05/post-resaca-electoral-voltando.html
http://ribadeando.blogspot.com/2014/08/pensamentos-lixeiros-de-veran-un-faro.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario