20150520

O que pesa a campaña electoral

Pretender pesar unha campaña electoral parece algo estraño. Se consideramos o medio ambiente, non o é.
O que é, é difícil que calquera veciño se aproxime ás cifras reais. Parecería, pero de calquera xeito, poden facerse algunhas aproximacións. Non pretendo pesar os grandes carteis plásticos que penden das farolas, ou os pendóns da rotonda do instituto, nin tampouco os múltiples carteis murais pegados cada un coa súa cola. Non, só chamar a atención sobre todo iso a partires dunha soa parte: a propaganda que nos chega ás casas, polo correo ou a traverso de persoas que a reparten. Aínda así, abonda para facerse unha idea, polo baixo, do que estamos a falar.
Sei que aínda non rematou a campaña, co que pode haber aumentos nas cifras que dou (de feito xa vin propaganda que aínda non me chegou; procurarei manter as cifras ó día se vai chegando), ou variacións de propaganda dunha casa a outra por diversos temas. Así, ós sobres que veñen individualizados, con nome e apelidos, sobrepóñense os buzoneos indiscriminados de folletos ou 'impresos postais sen enderezo', co que as contas xerais, aínda cinguíndose á propaganda que chega ás casas, só son aproximadas.

Por partes, tomemos primeiro a masa en gramos de cada partida de propaganda electoral:
Sobre con voto (de calquera partido):
5,2
Sobre grande BNG:
10,0
Programa BNG:
23,1
Parladoiro BNG (foi botado antes de comezo da campaña, pero é claramente con intención de campaña):
29,7
Programa Ciudadanos:
12,3
Folleto sinxelo Ciudadanos:
4,8
Sobre propaganda individualizado PP:
14,8
Boletín formativo PP:
16,7
Folleto propaganda PP:
18,5
Sobre propaganda individualizado PSOE:
15,0
Co que temos os totais, por orden alfabético de siglas:
BNG:
29,7 + 23,1 + 3*5,2 =                  68,4 g
C's:
4*5,2 + 2*12,3 + 4,8 =                45,0 g
PP:
3*14,8 + 16,7 + 2·5,2 + 18,5 =   90,0 g  
PSOE:
3*15,0 =                                       45,0 g
ReC:
                                              0,0 g
Total: 248,4 g

Botando contas a nivel Ribadeo, a razón de preto de 250 g por casa ou 80 g por persoa, segundo como se fagan as contas, saen en calquera caso máis de 3 000 kg de material distribuído polas vivendas de Ribadeo.
Repito que habería que sumarlle a cartelería exterior pegada ou colgada, abondo menor en cantidades, pero abondo maior en peso individual, e sobre a que se me ocorre que podería tamén mirar se o fin de semana seguinte ás eleccións está retirada ou non, como primeiro índice da actuación posterior ás eleccións de cada grupo, mantendo Ribadeo máis limpo. Lembro aínda un cartel electoral que se mantivo longo tempo á entrada de Ribadeo, xa descolorido e que tivo que causar roxez de cara no candidato correspondente que non fora retirado polo seu grupo. Espero polo menos que, despois dese cartel que cito e avisos coma este, a propaganda se retirará de xeito conveniente, sen ter que intervir o servizo de limpeza do concello.

Ningún comentario: