A ver se me engano. Ti que estás lendo isto, sabías con antelación do pleno que houbo esta semana? É máis, sabes cando foi? Ben, podemos aclaralo a auga pasada. Foi o día 11, o luns, e así consta na propaganda institucional do concello na súa páxina e así foi distribuído ós medios para a súa difusión, xunto cos tema tratados. Medios que puideron difundir unha foto de familia dos concelleiros, pois a maioría na próxima corporación serán novos, e o do luns foi o último do mandato. A foto pódese mirar nos xornais para asociar caras e campaña, como xa reseñei con outra diferente, a foto de presentación de 'Apuntes sobre Ribadeo'. O certo é que nunca antes me tiña fixado tanto nos abusos de propaganda partidista.
Sabía que tiña que haber un pleno este mes, antes das eleccións, por iso estiven olleando a diario a páxina web do concello. Atopei aínda martes a convocatoria para un curso que xa comezou, pero nada do aviso tantas veces pedido dos plenos, a manifestación por parte da alcaldía de que ten un mínimo interese en que a cidadanía participe, que fagamos algo máis que votar ou pedir dun xeito clientelista, mantendo o control por parte do poder, claro.
Ben, ata o de agora, nada novo en relación a uns cantos mandatos. Básicamente, os plenos están vacíos de xente e non hai interese en enchelos para que nos fagamos cargo dos nosos asuntos. Parece que chega coa propaganda posterior do que se tratou.
Pois imos tratar a propaganda. Cortopego a nota que leva colgada da web do concello puntualmente dende o día seguinte ó pleno:
"O REXEDOR AGRADECE O TRABALLO REALIZADO POLA CORPORACIÓN
Último pleno do mandato
12/05/2015
O Peprich e a liquidación do exercicio de 2014 centraron o último pleno do mandato, que onte se celebrou no Concello de Ribadeo. Esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, fixo balance dos últimos catro anos, dixo que foi un mandato moi frutífero no que conseguiron sacar adiante asuntos coma o PXOM ou a construción da residencia de maiores.
O rexedor contou que "no día de onte celebramos o derradeiro dos plenos ordinarios deste mandato 2011/2015, tamén rematando como empezamos con diálogo, con debate e sendo diferentes todos o grupos como somos entre nós, pero tamén no interesante para Ribadeo buscando consensos e buscando acordos como foi o caso. En primeiro lugar nesta declaración unánime que todos votamos contra un informe de Patrimonio, da Xunta, no que ten que ver co Peprich, onde lle pedimos que rectifique unha orde que nos da por non ser axustada a dereito concretamente cun empecinamento que ten Patrimonio, que favoreza o estreitamento da rúa Ibáñez. É algo que todos os compañeiros e compañeiras dos grupos da Corporación, xunto co alcalde, nos quixemos manifestar dunha maneira política para dicirlle a Patrimonio que non todo vale".
Suárez Barcia dixo que "outro dos asuntos moi importantes que se abordaron no pleno de onte foi a presentación da liquidación do exercicio de 2014, onde seguimos na senda positiva destes últimos anos, é dicir que pechamos os exercicios con remanentes positivos de tesourería, neste caso con 900.000 euros de aforro neto positivo, onde o límite da débeda que temos con bancos está moi por debaixo do máximo legal permitido. Por exemplo no último trimestre de 2014 seguimos cumprindo co período medio de pagamento a provedores, dentro de todos os parámetros esixibles e ao mesmo tempo reducindo o endebedamento bancario. Todo isto danos un marxe de liquidez para poder pagar aos provedores en tempo, algo que era impensable moitos anos atrás".
O alcalde de Ribadeo aproveitou para facer balance do mandato que remata: "creo que foi un mandato moi fecundo, moi frutífero, en cuestión de cousas importantes para Ribadeo. Aí está a práctica unanimidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o compromiso da Corporación por apoiar as demandas dos veciños para construír unha residencia de maiores en Ribadeo, a pesares dos paus nas rodas que outras institucións, nomeadamente a Xunta de Galicia, se empeñaron en poñernos. A parte de que na Biblia David lle gañou a Goliat tamén aquí en Ribadeo un concello pequeniño lle gañou á Xunta nesa batalla por defender os intereses das nosas veciñas e dos nosos veciños".
E engadiu: "quero darlles os meus parabéns, non só aos compañeiros do equipo de goberno, senón ao resto dos grupos da Corporación que nese sentido estiveron firmemente con nós, e moitas veces opoñéndose aos seus partidos noutras institucións. Quero valorarlles a todos e a todas que sempre miramos polo interese de Ribadeo, sempre nos asuntos importantes tivemos a Ribadeo por diante, sen perxuizo de que en moitas outras cousas discreparamos, tiveramos desencontros… esa é a política, esa é a democracia, pero tamén é de valorar que nos asuntos importantes estivemos unidos. Quero darlles ás grazas a todos os que dunha maneira activa xa non van volver presentarse en listas e aos que nos volvamos presentar o pobo decidirá, dentro dun tempo, o sitio no que nos pon a cada un de nós". "
O título da nota, moi político. Ó fin, cando alguén morre pasa a ser 'bo' de xeito 'oficial', non?
O mandato foi moi moi fructífero. Ben, iso sabémolo antes que a propia orde do día do pleno, que permanecerá descoñecida mentres non vaiamos polo concello para vela (se segue exposta, que teño observado son de curta duración) ou despois (a saber cando, que esta mañá a última acta colgada é do 2014), ver a acta colgada na web.
Certo que houbo boas cousas. A residencia de maiores impulsada pola xente a traverso das asociacións (algo moitas veces recoñecido, pero non no primeiro parágrafo desta, aínda que si máis embaixo contrapoñéndoos á Xunta, á beira do concello) ou o PXOM terán as súas luces e sombras, pero foron sacados adiante no mandato que remata.
Hai un punto sobre o Peprich, o ancho da rúa Ibáñez e Patrimonio. Houbo unanimidade, pero non me quedou claro que di a Xunta no seu informe, e polo tanto, a que se opuxo a corporación.
As contas do goberno van ben, aínda que por outra banda, os números poden bailar, pois xa teño visto un titular (A Mariña-El Progreso) manexando unha cifra metade que a que se anuncia nesta nota de prensa. Claro, os conceptos son algo diferentes... De calquera xeito, a economía do concello mellorou.
E rematou. De novo, grazas ós compañeiros e compañeiras da corporación.
Houbo máis punto que se trataran? Enterarémonos cando nolo digan, que para eso andan todos os partidos co da transparencia.
O centro de Ribadeo, segundo openstreetmap |
Ningún comentario:
Publicar un comentario