20150506

Recollido da rede: Ribadeo, alén do Masma (dende Santiago, claro)

Despois de incidir hoxe mesmo nunha visión de Ribadeo pre-eleccións, ligo aquí, ó tempo que corto e pego, unha entrada do blog de José Mª Rodríguez, O Cargadoiro, co título "Remata Galicia no Masma?":
Tres longos anos chamando ás portas de San Caetano! Os veciños de Ribadeo só pedían unha xuntanza coa Conselleira de Benestar. Unha pequena reunión para falarlle da necesidade dunha nova residencia para os seus vellos. Pero, papeis van, silencio vén. Esa foi a resposta ás insistentes chamadas dos veciños de Ribadeo, apoiadas por máis de dúas mil sinaturas. O silencio total. Como pontificou o principal voceiro do PP de entón en Ribadeo: “Si quieren algo, que se presenten a las elecciones”. Co pobo de Ribadeo non se fala. Sométeselle á damnatio memoriae. Para o goberno de San Caetano Ribadeo non existe dende que está o BNG no Concello. Para eles Galicia remata no Masma.
Pero - cousas da democracia! - pasa que as veces cambian as tornas. O tempo corre á presa e as eleccións locais tornan a estar aí. É agora o PP o que chama ás portas dos veciños de Ribadeo. Necesita o seu voto. Quere gobernar as súas vidas e facendas dende o Concello. Nos taboleiros electorais aparecerán outra vez as caras dos seus candidatos. Caras novas coas vellas verbas de sempre. E empezarán a soar outra vez os megáfonos percorrendo as rúas e aldeas de Ribadeo para pregoar as súas sedutoras propostas e apaixonantes promesas. Tentarán captar ós votantes coas súas teimosas promesas. Xusto o que fixo Rajoy cando estaba na oposición. Logo pasou o que pasou. E é que o levan na natureza. Presentarán moitos proxectos estrela para trocar Ribadeo nun paraíso. Baixar os impostos municipais, dotar ós veciños de máis e mellores servizos e outras lindezas, como prometerlles un céspede novo para o campo de fútbol. E… blablabla. Pero si non acadan o apoio do pobo nas urnas, Ribadeo desaparece do mapa. Para eles Galicia remata no Masma.
Pero para cobrar copagos e impostos aos ribadenses Galicia non remata no Masma, remata no Eo. Os portazos e desprezos a Ribadeo sucédense uns tras outros. O trato que o goberno da Xunta dispensa ao pobo de Ribadeo depende do partido que goberne no Concello. Xusto como na Idade Media: “cuius regio, eius religio”, é dicir, segundo o goberno que os veciños teñan no Concello así serán tratados pola Xunta. Porque a tal goberno, tal apoio. Ou sexa, castigar o goberno do BNG no Concello repartindo hostias nas meixelas dos veciños. Esa é a súa estratexia política: pisar o rabo aos ribadenses para que ladren ao BNG no pazo de Ibáñez.
Pero, a pesar dos atrancos e das falsas promesas da Xunta, as obras da nova residencia de anciáns seguen adiante a bo paso, grazas ao apio económico da Unidade de Benestar da Deputación Provincial e do mesmo Concello, gobernado polo BNG. Os veciños de Ribadeo terán axiña un novo edificio para aloxar os seus vellos e pasar nel os seus derradeiros días. Axudará a Xunta na súa vindeira xestión ou haberá que agardar a que goberne no Concello o PP?
“Mans que non dades, que esperades?” Velaí un dito para lembrar cando o PP chame ás portas dos Ribadenses. Porque se nesta vida todo xira ao redor do círculo de reciprocidade “do ut des”, é dicir, douche para que me deas, e se é verdade que os feitos dos homes están movidos por esta realidade, hai que preguntarse, que lle deben ao PP os veciños de Ribadeo na procura da nova residencia? Parabéns, quizabes? Máis ben, pagarlle coa mesma moeda cando chame ás súas portas para pedirlles o voto. Porque, para cobrar impostos Galicia remata no Eo. Pero, para axudar aos ribadenses remata no Masma.

Ningún comentario: