Quedan cinco días de campaña electoral para as municipais 2015. Son momentos para mirar e pensar. Si, coma sempre, pero o sistema, polo momento, funciona así, a golpes cada catro anos.
Non se trata de mirar coa mente chea coas ideas preconcebidas, senón dun xeito aberto.
A primeira foto está tomada dende a Garganta, sábado, cun aparello con pouca definición, si, pero tamén entre néboa, e encadra Ribadeo ó fondo, máis ou menos centrado. Vese? Hai que tomar referencias. Así pasa na realidade: como non contemplemos ós nosos veciños, 'non somos nada'...
A segunda foto é máis prosaica. Contedores nunha rúa recén 'humanizada'. Os contedores flotan con sitio de máis no lugar construído para eles. Non está dimensionado. As cousas feitas moi grandes, ou moi pequenas, non só se desaproveitan e rematan costando máis, senón que se esnaquizan antes e se traballa peor con elas. Necesitamos pensar dúas veces as cousas antes de actuar. Pensar e actuar, entre todos.
Unha rúa renovada. Ramón González. Aínda está sen estrear, pero xa está apra as eleccións. Obra realizada con urxencia electoral. Como tantas outras veces por gobernos anteriores. Téñenme dito que non leva piso adecuado porque vai o cemento case (ou sen case) sobre terra. Non son técnico, veremos. Pero o que veremos antes será unha nova rúa xusto antes das eleccións. Aínda que só sexa nova en parte, o resto do tramo xa estaba feito.
E unha alegoría, usando os carteis colgados por un partido político: só é posible co teu voto, din, a pares, co nome do partido relocendo e movéndose ó vento. E, que hai detrás? Me refiro, a máis dun peso en cartelería, un traballo realizado para colgalo e a clara idea de que un partido sen votos non sería posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario