20150519

Se queren algo, que se presenten ás eleccións, por José Mª Rodríguez Díaz

Algo semellante, a conto doutro tema, escoitei eu hai poucos días, por parte de alguén do outro extremo do espectro político...

“SI QUIEREN ALGO, QUE SE PRESENTEN A LAS ELECCIONES”

Memorable e de triste recordo o desta frase, dirixida por un sobresaínte membro da nosa clase política, neste caso do PP, a un numeroso colectivo de veciños co gallo dunha manifestación en demanda dunha residencia de anciáns para a súa vila, Ribadeo. Unha expresión que nos da a xusta medida do que entenden por democracia os políticos do noso país. O seu autor, un alto cargo político do PP, naquel intre Xefe Territorial da Xunta de Galicia, e de cuxo nome non quero acordarme. Traducida á nosa lingua galega, a lectura desta frase ven a ser esta: Pedímosvos o voto, e en canto nos elixides mendámosvos a tomar polo cu. Esta é a burbulla na que os así chamados representantes do pobo viven pechados cunha ideoloxía na que só existe o partido.
E nós, ¡inxenuos!, que críamos que cando iamos a votar ás urnas estabamos elixindo ós nosos representantes, a aqueles que nos tiñan que escoltar e atender cando lles presentáramos as nosas carencias para darnos as solucións axeitadas. Eso era o que  eles nos pregoaban. E saen agora dicindo que “se queremos algo que nos presentemos ás eleccións”. ¿Pra que fomos, entón, a votalos, nos preguntamos?
A ideología que se agacha detrás desta frase encarna unha actitude que subverte un dos principais piares nos que se debe  basear a democracia. Unha expresión que manifesta e resume a ideoloxía antidemocrática que subxace no subconsciente dos nosos políticos: que eles non se senten representantes nosos, senón do seu partido. Eso é o que con esta frase dixo o citado político.
E foi a través desta frase que os veciños desta pequena vila decatáronse de que para este e outros moitos políticos a chamada representatividade política dos cidadáns non existe. O triste é que o autor desta frase, e moitos outros coma el, foron os que nos tiveron gobernando ó longo de anos, e aínda nos seguen a gobernar moitos deles, non como representantes nosos, senón suplantando a nosa persoa e tomando, din que no noso nome, acordos e decisións que só interesan ó seu partido. So miran pros cidadáns cando se achegan as eleccións.
E este é, de feito, o comportamento do PP de Ribadeo. Sae agora coa nova nos seus mitins de que eles sempre estiveron a favor da residencia de Ribadeo, e dicir, a favor do pobo de Ribadeo. Unha vez mais están a enganar a xente desta vila. Pois, apoiando a postura do seu partido no goberno, sempre se situaron en contra desta demanda dos veciños, agás algúns concelleiros do PP, encabezados por Manuel Valín, que sempre apoiaron as xustas demandas do pobo fronte a postura negativa do seu partido. Postura que a este concelleiro lle trouxo moitos problemas co seu partido. Mais agora, chegadas de novo as eleccións, o PP local cambia de pel, como o camaleón, dicíndolles ós cidadáns que sempre estiveron o seu lado en demanda da residencia. O fin, París ben vale unha misa. ¡Vaia cara!
Pode que este breve comentario deixe en nós unha sensación negativa de impotencia fronte ó exercicio da política. Porque, fronte ó poder trasladado pola Constitución desde os cidadáns ós partidos, os cidadáns atopámonos sen esperanza, illados, marxinados, desarmados e sen posibilidade de poder recuperar o poder para exercelo e tomar decisións a través da nosa presencia directa nos órganos de decisión. Mais ou menos, como estaba no século XVIII o pobo francés. Pro, “tantas veces vai o cántaro a fonte que ó final rompe”, como di o refrán. Rompeuse na revolución francesa tomando o pobo o poder, e parece que pode romper, tamén, en España tres séculos despois. Aínda que en España non hai revolución sanguenta, hai movementos esperanzadores que invitan ó pobo a espertar do seu sono e a loitar pola recuperación do poder que lle foi roubado por unha mala Constitución, feita para a protección dos partidos fronte ós indefensos cidadáns e ideada para saquear España e desvalixar sistematicamente ós seus cidadáns, mediante o control do Poder Xudicial e aforamentos e amnistías. Estamos nun ano de eleccións. ¡Hai esperanza!

(primeiro publicado en http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/05/00423-si-quieren-algo-que-se-presenten-a-las-elecciones.html)


 Obras de José Mª Rodríguez

Ningún comentario: