20150528

Xa votaches. Agora témoste vixiado

É curioso. A información asimétrica. Tenta procurar algo de información das administracións en España e verás os muros cos que te atopas. Dende cousas tan nimias en aparencia como o coñecer que vai haber pleno e que se vai tratar ata a información sobre o hotel da illa Pancha ata outras de abondo máis peso que xa nin te proporás coñecer. En relación ós dous exemplos, para o primeiro, anos despois de pedir neste blog que se faga público en internet -aquí, a última vez que o lembrei-, terás que ir ó taboleiro de anuncios do concello e mergullarte entre papeis diversos de xeito periódico, pero non cada moito tempo. Para o segundo, ir ó concello, ver o documento -nas mesmas condicións que antes, sen saber ademais en principio que ten que haber algo semellante alí- e logo largarte a mirar a información a Ferrol.
Iso, da información que tentamos obter nós.
De nós, non é que tenten obter información, senón que a obteñen -e se é o caso, a exixen de xeito repetido-. De xeito xenérico, a min, como a outra moita xente, téñenme vixiado literalmente dende que saio da casa, unha empresa privada, da que pode recabar información a administración. As fotos embaixo non son de agora, senón de algo que leva ocorrendo xa hai tempo, a conta da protección da antiga Caixa Galicia. Algo que leva a vixiancia privada 24/24 dun espazo público:
Vixiancia en Abanca-Ribadeo

Vixiancia en Abanca-Ribadeo
E o anterior é só un detalle. Calquera que pase por aí ou tome un viño enfronte tamén estará no oollo da cámara, outros poderán ter esa información que nin a mesma persoa que é recollida poderá ter; moitas veces, nin saberá que está sendo recollida. Ademais, se se me ocorre conectar o meu teléfono intelixente co xeoposicionamento, poderei saber a miña posición, pero, quen dubida que se poda conectar e extraer datos de xeito remoto sobre a miña posición?
Hai algún tempo, xusto antes da campaña electoral, saíu a nova de que 'veciños e policías' pedían máis cámaras para rematar co vandalismo. Coido que xa hai demasiadas, e que quen se propoña facer mal terá xeito abondo de saltarse as limitacións, mentres a consecuencia dese maior número de cámaras, a xeralidade de persoas teremos máis sobre nós o gran irmán.
A cousa viña no xornal o 5 de maio a conto do estado do ascensor da Atalaia. Dende aquela recollín varias entradas en diversas web sobre o tema. Un tema que parece que non comprendemos o alcance que ten para as nosas vidas no futuro. Algo que parece nimio pero que está relacionado coa perda de liberdade individual e o control sobre tanto da administración como de (e a traverso de) determinadas empresas.
Xa votaches? Pois vaite, que te temos vixiado/controlado...
Un par de lugares por se te queres informar:
Reflectindo sobre a cibervixiancia.
A campaña de Amnistía Internacional contra a vixiancia masiva.

Ningún comentario: