Dende a última volta do tema Catedrais, despois da toma de posesión, fixen un artigo (Ave, Caesar / Benvido, líder) e decidín deixar o tema próximo, seguíndoo, pero de lado en relación ó blog
Onte á mañá entérome de que unha 'delegación' xunteira, que tiña programadas varias xuntanzas esta mesma mañá, chegou a Ribadeo e tivo só unha, que durou máis de media mañá, no concello. Máis aló dos acordos ós que chegaran (coido que nulos), e sen que supoña darlle a razón ó concello, ratifícome no que xa dixen: a guerra é política, con forzas económicas detrás (que ven achegarse o mes de xullo, o comezo da aplicación normativa coa continuación da guerra que lles rematará afectando) ás que se pretende mimar, non construír conxuntamente, e mantendo esquecido ó pobo. O pobo, a maioría da xente, detrás das forzas económicas e políticas, que nun atisbo de incredulidade podería crerse polas novas que ía ser informado, consultado e mesmo tido en conta nas decisións, despois de anunciar primeiro unha xuntanza o alcalde (realizada, pero co que leva consigo a imaxe dunha mesa dende un escenario) e logo a Xunta (que 'se poñería en contacto coas asociacións', que a esta hora non parecen ser culturais ou de veciños, nin tampouco 'contactos' decisorios).
Non creo que o tema de conflito sexa o número de pases, que sobrarían excepto en catro días en todo o verán (por certo, aqueles nos que comercio/hostalería non necesita máis xente para encher e xestionar de xeito adecuado os seus recursos); pode selo o aparcamento, e o poder de xestión do fluxo (a capacidade para facelo, iso xa é fariña doutro costal), e tampouco creo que se fale moito nestes momentos de conservación, que debera ser o primeiro. Pero insisto no 'tampouco creo', porque a democracia actual segue a demostrar as carencias que ten en canto a participación ou transparencia.
En fin, seguirei o tema de cerca, pero de lado: como cidadán de a pé actual o que parece que podo facer e só sacar o ticket ou non.
Ver un mapa máis grande
Ningún comentario:
Publicar un comentario