Levo varios días esperando as reaccións. A resposta sorprendeume por ser nula. Hai unha semana, o xornal anunciaba que a empresa Arriva poñía unha liña de autobuses ás Catedrais. En principio, esa liña chocaría coa lanzadeira que viña facendo nos veráns pasados Eocar 'en colaboración' co concello. As novas que teño din que non haberá tal choque, senón que Eocar retírase do tema (non sei se o reducirá a outras praias). O por que da retirada, non o sei. Cuestión de licenzas, de rendibilidade...
O caso é que este servizo aproveitará da potencia na zona de Arriva (lembremos, herdeira da empresa de autobuseses Ribadeo, ERSA, por medio da adquisición da empresa que a adquiriu, IASA) para implicar tres servizos dende Ribadeo e dende Barreiros, e un dende Foz, dende dúas horas antes da marea baixa. Parece que o motor foi a rendibilidade económica dun servizo así nos meses de verán, e non hai un contacto institucional para levalo a cabo.
Mirado doutro xeito, resulta que neste caso, si se pon a altura o servizo prestado dende Barreiros e o prestado dende Ribadeo. Como é algo privado (a máis de lóxico, entendo, ao menos mentres non se manifesten diferenzas de rendemento) non houbo posicionamento en contra a pesares da igualdade de tratamento neste tema ós dous concellos.
As distancias, 10,6 km Catedrais- E.S. Ribadeo, 7,8 km Catedrais- S. Cosme de Barreiros parada, 15 km Catedrais- Foz centro, e o aliñamento Foz - S.Cosme - Catedrais facilitan o tema. A bo seguro a quen pensou a liña non se lle escapou tampouco que se ben Ribadeo é un centro turístico, Foz ten un turismo de praia moi asentado. E, ós responsables de turismo de Foz, tampouco se lles debera escapar que este servizo implica un reforzo que poden aproveitar para aproveitarse tamén das Catedrais.
Máis aló do nivel institucional, as Catedrais móvense. E seguen a atraer xente, e estanse a poñer os medios para atraer máis... e isto debe parar nalgures para conservar para o futuro. Limitación externa, autolimitación... Vale, a estudar, pero non como desculpa para facer o que non haxa limitación por iso de que se está a estudar.
Por certo, un tema colateral: falei hai tempo da posibilidade dun servizo lanzadeira nesta cidade linear que é a Mariña. Esta tempada escoitei algo que indica que se está a promover. Non sería bon que puideramos contar cun servizo de autobús e/ou tren cada hora entre Viveiro e Ribadeo? Os desprazamentos que se están a facer coido que o farían rendible, e todos ganaríamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario