20150618

Ave, Caesar / Benvido, líder

Saúdos, César. Imaxino a naturalidade dos romanos saudando ó césar, acatando ó tempo a superioridade e a disposición a loitar pola Roma representada pola figura cesarina. Quizais non se concebía outra forma (aínda que aí está o asasinato de Julio César para amosar a relatividade do dito). En tempos máis actuais, os gobernantes soen invocar aquelo de 'defendo ó país, se estades detrás de min, facedes o que debedes, senón, non sodes patriotas', invocado para declarar guerras ou facer pasar leis.
A cousa veume a conta das Catedrais. Esquecendo a historia anterior coa proposta do alcalde de limitación de visitas, por exemplo, que as catedrais están en Ribadeo é un feito. Que se queran aproveitar, é un desexo compartido. As condicións de aproveitamento, iso xa é fariña de outro costal, ou quizás deba dicir debería selo, dentro da diversidade da xente, de Ribadeo e tamén de fóra. Que se defendan con malos modos, é cando menos, cuestionable.
Despois dunha xuntanza interinstitucional na que naturalmente non estiven pero que foi retratada polos medios de xeito unánime como de perda de papeis polo rexidor ribadense, xa estaba convocada unha xuntanza  que non levaba alcume, pero que non puido ser outra cousa que informativo / aclamativa na que participaron 90 persoas no cine-teatro, co escenario ocupado por autoridades político-comerciais dunha determinada visión, e foi convocado un pleno de urxencia para refrendar o todos a unha que tan bo resultado deu coa residencia de anciáns (despois da negativa inicial do alcalde e verse impelido polo pobo). Non é necesario ser adiviño para imaxinar a situación onte no pleno.
O pleno tivo unha urxencia polas Catedrais que non parece merecer o faro, cando a situación ven xestándose nun período semellante. Pero o alcalde, como líder do pobo, pode marcar os tempos, os temas, e mesmo parece que os modos. E faino. Nese sentido, leva moito adianto sobre unha institución máis grande, e polo tanto, en xeral,, máis lenta, como a Xunta. Unha alcaldía recén renovada con maioría absoluta mellorada, cun alcalde que se medra pola situación fronte a representantes dunha Xunta que ven diminuída polas votacións e en xeral polas circunstancias. Nunha situación así, o alcalde leva as de ganar, e a Xunta terá que mirar de salvar a cara, abrandando a súa postura, facendo o paripé de que tamén consulta á xente, etc.
Así pois, en primeiro plano, os intereses. E cada vez máis lonxe, a conservación, que se mira en función dos intereses comerciais. A convocatoria do pobo non foi tanto consulta sobre un (ou mellor, dous) plan, como xuntanza para informar dunha situación coñecida. Evidentemente para facer unha consulta débese informa de xeito abondo e con tempo, para formar unha opinión e poder falar con propiedade, a nivel semellante, algo que aquí non houbo, como soe ser tradicional en moitos outros casos. Tampouco a Xunta o fará, aínda aposto algo. E así, de novo nos enfrontamos ó uso do pobo polos políticos en troques de ver o servizo dos políticos ó pobo. Aínda que se pretenda facer ver o contrario. Unha formación de opinión aproveitando algúns puntos sentimentais 'dende arriba' en troques de procurar a formación desa opinión a partires de datos. Quizais estea pedindo imposibles. Ó fin, hai moita xente que ve necesario que exista un liderado claro nos partidos, nas comunidades, na nación... polo tanto, quizais debera dicir algo como 'benvido, líder!'.
Só algún pensamento máis, a modo de indicador do que penso: naturalmente, as catedrais, non é Barreiros, co que a presencia institucional do 'líder' barreirense, copartidario da conselleira, debía ser cando menos, medida. Agora ben, no marco de propostas pospostas, está o aumentar o tamaño dos concellos, e non é improbable que nuns anos Barreiros e Ribadeo queden unidos. Será o reparto de pases prohibido en San Miguel de Reinante? E a compensación económica do aparcamento que pretende o alcalde, pago descontable en servizos en Ribadeo, non podería ser espellada tamén en Barreiros? E a protección física (non administrativa) do rochedo, en que vai consistir? Falouse algo con fondo na xuntanza en pleno ou en cine da xente que anda por enriba e pode caer? Minucias non urxentes, a solucionar despois de pechar filas a favor dunha praia das catedrais comercial fonte de riqueza para Ribadeo.

Ningún comentario: