20150603

Consumindo en Ribadeo

Non, non se trata de andar polas que quizáis son as dúas principais fontes de consumo en Ribadeo, bares e tendas de roupa. Trátase de ser conscientes de que mesmo cousas nimias supoñen un consumo non pensado con anterioridade.
A cousa ven a raíz de algo común: o consumo de auga. Sobre a auga da billa non é a primeira volta que aparece un post no blog, sexa polo tema da contaminación, sexa polo 'subministro dun servizo público' por unha empresa privada. Desta, vai dende outro punto de vista.
Na factura da auga/lixo/depuración aparece un mínimo de 20 m3 cada dous meses. Iso é 20 000 L de auga cada dous meses, ou 330 L de consumo de auga o día por cada casa. É dicir, poderiamos afogarnos unha vez cada día coa auga que consumimos.
Nos meses de pouco consumo, a Santa Cruz chegan cada día uns 3 000 m3, isto é, 3 000 000 L  cada día, agora ás veces só procedentes do Eo, despois da anulación periódica/desviación de recollida do Lexoso relacionada co verquido dos Irmandiños. Iso significa máis ou menos, subir dita cantidade de auga diaria a uns 130 m de altura. E para iso, necesítase unha enerxía de 4 000 000 000 J, 'só' uns 1 000 kWh. É dicir, dependemos desa enerxía para o subministro de auga de Ribadeo.
En números redondos, se consideramos os 10 000 habitantes de Ribadeo, sairían 0,1 kWh de consumo eléctrico para subministrar a auga a cada un. Ou sexa, o ter acesa unha lámpada das de filamento de 100 W durante unha hora é algo equivalente á enerxía que temos que gastar para que a auga chegue ás nosas casas.
A parte, o tema da depuración, entre outros moitos... Non é necesario pensar en mercar algo como un coche, unha cervexa ou un vestido para consumir. O custe? diso podemos falar outro día.

Ningún comentario: