20150625

Deputación, Ribadeo

A estas alturas xa é de dominio público: a Deputación provincial de Lugo está constituído cun presidente (presidenta) do PP. Resulta ser mariñá, de Mondoñedo, o que non debera ter importancia, pero xa leva xerado na rede intervencións como 'a ninguén de Mondoñedo lle sentará mal que a presidenta sexa de Mondoñedo', nun localismo que se pretende por riba dos partidos cando entendo é a expresión dun caciquismo localista.
Tamén se coñece o proceso que deu lugar a unha presidencia inesperada: o BNG esixiu que un imputado do PSOE non fora presidente. Este cabreouse e facilitoulle a presidencia a Elena Candia. Máis aló das relacións internas entre partidos, a posición do BNG considero que foi correcta, aínda que o desenlace fora inesperado a todas luces, como transmiten algunhas fotografías. E, se o resultado permite que sexa o partido con máis votos, polo tanto, con maioría relativa, quen goberne, coido que non se debera esquecer que foi debido á presenza dun imputado (apoiado polo PSOE ata alí aínda sendo imputado) que se desfixo da disciplina de voto (o que non ten por que ser malo, pero claro, depende da casuística igual que dependen dela as instrucións xerais dos partidos). Tampouco se debera esquecer que a Deputación non é un órgano elixido directamente, co que dificulta ou sinxelamente impide que partidos locais, ou minoritarios, ou agrupacións de electores, participen nese organismo.
Noutra orde de cousas, despois de ser patente que as Deputacións teñen hoxe unha utilidade que raia no nulo ou mesmo no negativo, ó ser unha administración prescindible, hai que lembrar que a última reforma da administración local aumenta o seu poder a costa dos concellos,, en particular dos máis pequenos, adiando unha reforma profunda da administración local. O que nos leva a en que inflúe este xiro en Ribadeo?
Seguro que nestes momentos, e dado non só o carácter localista do poder partidario (favorecemento das estruturas locais 'da mesma corda') senón a súa orientación sectaria (outra versión da mesma 'idea' que xa ten sido estudada en Galicia  e resultou patente que levan practicado tódolos partidos que tiveron acceso ó poder na 'democracia' galega), o alcalde xa terá botado contas. Por exemplo, a residencia de maiores aínda non se rematou, e, se non me falla a memoria, a Deputación tería que rematar a súa aportación. Tomará o camiño da Xunta, non participando a pesar do dito ou seguirá conforme tiña previsto? Entendo que eu tería claro o que facer, pero cousas máis raras se viron. E no conflito das Catedrais, apoiará a quen? Neste caso, non ten competencias, pero ten influencia...
un mapa de Ribadeo dos moitos que se poden atopar na rede (http://mapas.owje.com/12332_ribadeo.html)
De novo hai que considerar non só as cousas 'en positivo', no sentido de que pasará por ter unha determinada constitución este organismo, senón tamén 'en negativo', que non pasará por non ter o vicepresidente primeiro mariñán e do BNG Antonio Veiga apoiando proxectos en Ribadeo, ou a tamén mariñá e do PSOE Lara Méndez, tendo en conta tamén que non só a xente de dereitas favorece 'ós seus'.

Ningún comentario: