20150604

O paso dun santo por Mondoñedo, por José Mª Rodríguez Díaz

Dez menos cuarto da mañá. Na catedral empeza a soar con monótona cadencia o esquilón chamando ós coengos a coro. As súas negras siluetas xorden unha tras outra polas estreitas rúas da vella Cidade atravesando logo a praza cara á entrada da catedral. Nos soportais do Cantón Grande aparece camiñando a figura fráxil de don Jaime Cabot. Tras das columnas xorde de súpeto unha muller que se interpon diante del. Don Jaime detense pra saudala. Con voz tremente cruza unhas breves palabras con ela e despídese logo cun leve sorriso deixando algo nas súas mans. Atravesa a praza con paso lixeiro e entra na catedral. Nun intre soan as dez no reloxo da torre. O esquilón enmudece. Sentado, coas súas fracas mans sobre o teclado dispostas xa a pulsar as teclas do órgano. No coro o canto de maitíns vai empezar.
Estampas coma esta, repetidas ó longo de tantos anos de vida na vella Cidade, aínda perduran hoxe na memoria dos veciños de Mondoñedo. Son a estela ben acaída e evocadora deste crego, virtuoso e humilde, amosando acotío a súa fraxil figura e levidade polas rúas e prazas de Mondoñedo. A lembranza dun crego inesquecible que, coa súa palabra de consolo e cos poucos aforros do seu traballo, adicou toda a súa vida a aliviar as necesidades e escasezas de moitos veciños da Cidade da Paula e ata doutros moitos sitios. Pódese dicir que non queda casa en Mondoñedo que non teña unha grata lembranza da súa afectiva, agarimosa e caritativa visita. E sempre sen que a man dereita soubera o que facía a esquerda. Un crego sen parroquia, pro con moitos fregreses que coidar, atender e servir. Unha persoa dadivosa e desprendida ata tal punto que nunca tiña diñeiro de seu aforrado. Nin sequera era quen de xuntar o preciso para ir de vacacións a Mallorca, a súa terra natal. Era grazas a que a súa propia familia lle mandaba o diñeiro para a viaxe, que podía ir en ocasións a pasar uns días con ela. Diñeiro que outras moitas veces ía parar ao peto dos pobres, quedando a familia frustrada e as vacacións en Mallorca pra mellor ocasión.
Da súa actividade caritativa poderíanse citar moitos e memorables exemplos. Como aquela anécdota que tivo lugar nunha peregrinación a Roma no ano 1959, e da que don Jaime foi protagonista. Apenas chegados a Cidade Eterna don Jaime achegouse a un compañeiro para pedirlle diñeiro. Preguntado por este se xa esgotara os seus cartos, respondeulle: “Es que se los presté a un pobre”. Ou o ocorrido noutra ocasión, na que don Jaime foi a Vitoria para asistir a un seminario de música e atopouse sen diñeiro xa o mesmo día que chegou a cidade. Outro préstamo a un pobre, sen dúbida. Refuxiouse, entón, na capela do seminario e dende alí mandou aviso a un compañeiro, que tamén asistía ao citado seminario, para pedirlle que o acompañase a un banco en Vitoria para retirar diñeiro. Chegados ó banco e feita a petición, o director telefonou a certa entidade bancaria de Mondoñedo pedindo informes sobre a petición de aquel crego. A resposta que tivo foi positiva: “Entréguele contra esta entidad todo o dineiro que pida”.
Outras moitas anécdotas sobre do seu desprendemento coa xente necesitada se poderían contar e, sen dúbida, cada veciño de Mondoñedo podería contar a súa. Un dos grandes valores de don Jaime era a súa capacidade de sufrimento fronte a dor, como ilustra esta anécdota acaecida no retorno a España daquela viaxe que fixo a Roma. Ao baixar polas escaleiras do seminario de Montpellier, onde pasara a noite, don Jaime caeu rodando por unhas escaleiras de pedra. Ergueuse e continuou a viaxe sen facer ningún comentario nin proferir o mais pequeno laído ou queixume, aturando os bruscos vaivéns do autobús provocados polo mal estado daquelas estradas do derradeiro século, cheas de buracos, e participando da ledicia xeral sen que na súa cara se albiscase o mais pequeno xesto de dor e sen pronunciar queixa algunha durante toda a viaxe. Pasada xa a fronteira, en Irún, don Jaime separouse do grupo para continuar por outra ruta a súa viaxe a Mallorca. Chegado a Mallorca telefonou a un dos seus compañeiros en Mondoñedo para contarlle que chegara con tres costelas rotas, consecuencia da caída en Montpellier. ¡E ninguén se enterara!
Identificado cos pobres e cos indixentes, cos humildes e cos sinxelos, don Jaime sempre fuxiu e rexeitou distincións e homenaxes. A proposta que se lle fixo co gallo do seu nomeamento como Prelado Doméstico de Su Santidad provocou nel un fondo sufrimento e mesmo desgusto. Amosou a súa negativa a vestir unha sotana engalanada coas insignias distintivas axeitadas ó novo rango que se lle concedía e rexeitou totalmente ofrecer calquera imaxe que o afastase da súa habitual forma de vida, humilde, modesta e sinxela. “Que pensarán los pobres de mi al verme con eses atributos honoríficos”, foi o seu comentario. A súa loita por rexeitar esta distinción, por unha parte, e ser fiel ó mesmo tempo á obediencia debida ó seu bispo e promotor do expediente honorífico, por outra, resolveuse aceptando finalmente os feitos con resignación e obediencia, pro deixando claro que endexamais renunciaría a súa vida e a súa imaxe sinxela e humilde de sempre.
Cando noutra ocasión tivo noticia dunha homenaxe que os Amigos da Cidade de Mondoñedo lle querían facer, a súa resposta foi esta: “Saber que intentan hacerlo ya es suficiente para mi”.
A sona das virtudes de don Jaime non se cinguía só a Mondoñedo. Moita xente viaxaba a Mondoñedo para ter a oportunidade de coñecelo, saudalo, pedirlle consello ou ter a ocasión de poder cruzar algunhas palabras con el, quedando sempre impresionados polo seu carisma. Así lle pasou a un frade franciscano belga, Carlos, que pasando unhas vacacións en Mondoñedo e entrando un día na catedral, e vendo a don Jaime sentado na consola do órgano, sentiuse atraído pola súa mansa e pacífica mirada. Achegouse, entón, o frade á consola e, mentres don Jaime seguía a mover os seus afilados dedos polo teclado do órgano, xurdeu unha espontánea conversa entre os dous. “Don Jaime es un santo”, foi o comentario que lles fixo despois ós seus amigos da Cidade.
Dous grandes soños tivo don Jaime na súa estadía en Mondoñedo. A súa teima por vivir retirado na casa da Orde Terceira da Alcántara, xunto con algún outro compañeiro crego, foi un deles. O outro, o seu desexo de retornar a Mallorca, a súa terra natal. Dúas aspiracións nunca realizadas. O edificio da Alcántara tivo outro destino. E sobre a súa marcha a Mallorca prevaleceu o seu celo polo servizo a diocese e o seu amor polos pobres de Mondoñedo.
O vindeiro día cinco de xullo cúmprense os dez anos do seu pasamento. O longo tempo pasado, que non ven a ser mais que unha falacia enganosa escrita nos almanaques, non borrou os recordos dos que tivemos o privilexio de coñecelo, de gozar do seu trato e compañía, do seu exemplo e da súa palabra. Por iso, son moitos os que hoxe, dez anos despois do seu pasamento, seguen a preguntarse pra cando o comezo do proceso de beatificación deste crego, que viviu a súa vida en olor de santidade. O pobo de Mondoñedo xa o canonizou en vida. E o Pai Eterno xa o ten recibido na súa Casa coas palabras da parábola dos talentos: “Ven, servo bo e fiel, entra no reino do teu Señor”. Pro… do proceso de recoñecemento oficial da súa beatificación nada se sabe. Nin sequera se escribiu unha pequena biografía destinada a manter vivo o recordo da súa persoa, do seu exemplo de vida e do seu paso por Mondoñedo. A ver si algún ensaísta se anima.

 Obras de José Mª Rodríguez

 

Ningún comentario: