E, mentres, no estranxeiro... Non se sabe se Grecia chegou ou non a acordo coa chamada Troika despois de estar os medios pesadamente incurrindo en comparacións Syriza-movementos emerxentes (non de dereitas) en España, e unha espantosa Grecia-futuro de España. Non, non se sabe polos medios. Tampouco se sabe polos medios que Grecia non ratificará o TTIP. E que, como factora da non ratificación, estanos salvando da imposición dun tratado internacional que beneficia ás multinacionais fronte á xente, unha xente que quedariamos cautivos dos intereses mal chamados económicos do gran capital. Ben quizais non chegue a consumarse ese non, antes da votación Grecia pode ser dobregada, que a situación grega non é para botar foguetes (seguro que quen está a combater do lado do TTIP é o que pensa).
En fin, en Ribadeo chove. España esperta, literalmente, a unha nova semana e espreguízase dun horizonte electoral que pode dar cun estado diferente en moitos aspectos do que aínda hai hoxe. Hai que mirar as cousas de xeito diferente, por iso aproveito un mapa de Grecia diferente: o que da a radiación distribuída recollida por as diferentes zonas de Grecia. Por así dicilo, a claridade grega.
Mapa da irradiación solar en Grecia, Creative Commons Atribución-Compartir igual 3.0 Sen adaptar (CC BY-SA 3.0) , SolarGIS © 2011 GeoModel Solar s.r.o. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario